Actualidad

Lois Pérez: "Calquera persoa que xoga a vida no mar para emigrar merece o noso respecto"

Coa súa novela xuvenil 'A tribo do mar' busca enfrontar aos máis novos coa realidade das persoas migrantes

Lois Pérez, autor da novela xuvenil 'A tribo do mar'. / Alba Díaz

Palas de Rey

Lois Pérez aborda na súa última novela 'A tribo do mar' a realidade das persoas migrantes que chegan a Galicia a través do mar Mediterráneo. Na Mariña lucense concéntranse moitas delas en localidades como Burela. Alí, por exemplo, a comunidade caboverdiana é moi grande e precisamente a protagonista desta historia é unha rapaza chegada de Cabo Verde que enfronta a soidade mentres agarda a que seu pai volva do mar e a súa mai do país natal.

En Hoy por hoy Lugo, Lois Pérez conta que a protagonista da novela é unha persoa real. Está inspirada nunha alumna á que lle deu clase na escola de Riotorto e á que puido encontrar despois de publicar o libro. "Normalmente o que fago é imaxinar as personaxes inspirándome en xente que coñezo", explica, "e Alexandra espertou unha simpatía especial en min, así que cando decidín que quería contar unha historia sobre a inmigración pensei inmediatamente nela".

Con este libro Lois Pérez quere que os máis novos reparen nas inxustizas sociais: "Fala de esperanza, pero tamén das feridas do mundo, para que os rapaces e as rapazas poñan a mirada nos lugares polos que sangra". Amósase convencido de que "a lectura é unha das forzas que pode cambiar o mundo", e cre que "os adolescentes precisan moito diso, para poder entender mellor a sociedade na que viven e non pasar por ela de calquera maneira".

Recorda ademais que "Galicia é un pobo emigrante, é raro que nas nosas familias non teñamos algún exemplo de alguén que tivo que deixar todo atrás". Apelando a iso cre que mellor ca ninguén deberíamos ser capaces de comprender o difícil que é para unha persoa deixar unha vida atrás para empezar outra nova aquí: "Cada persoa que xoga a vida sen saber o que lle agarda, que pode ser a morte ou cousas peores, merece todo o noso respeto".

Tribo

O título da novela fai referencia ó sentimento de comunidade que é fácil non conseguir sentir para unha persoa migrante, lonxe das súas orixes e nun territorio novo e descoñecido, ás veces hostil. Lois Pérez dálle na novela un matiz clálido. "É unha palabra que me gusta porque ten alma", di. Engade que "comunidade ou sociedade" tamén le parecen palabras importantes, "pero a tribo fálanos dos afectos e dos vínculos entre as persoas".

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00