Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Ocio y cultura

Arde Bogotá esgotan as entradas para o seu concerto en Vigo

Outros concertos enmarcados nesta nova edición de TerraCeo como Depedro, Julieta Venegas ou Curtis Harding tamén a piques de colgar o cartel de “entradas esgotadas”

Arde Bogotá.

Vigo

Arde Bogotá completan o aforo para o esperado concerto que ofrecerán na terraza do Mar de Vigo a dous meses da súa celebración dentro da cuarta edición do Festival TerraCeo. Esta cuarta edición de TerraCeo dará comezo o 12 de maio con Depedro, outro dos concertos para o que restan poucas localidades, e contará con artistas como a estrela do soul Curtis Harding, a voz do rock do ex-vocalista de Deep Purple, Glenn Hughes, o pop/folk de Julieta Venegas, a mestura de R&B e blues dos irmáns Kitty, Daisy & Lewis, o electro-punk bailable dos !!! (CHK CHK CHK), o desert blues dos Tinariwen ou o folk de Chris Jagger. Contaremos tamén co mítico Pancho Varona, o indie-pop bailable de La La Love You, o novo flamenco de María José Llergo, o rap de HARD GZ e o inclasificable trap de Boyanka Kostova. Esta nova edición de TerraCeo conta co apoio de Mahou Cinco Estrellas na súa aposta por reivindicar que os encontros entre persoas son esenciais para vivir mellor.

"Soltad a los perros porque me he escapado”. Esta é unha das contundentes frases que se pode escoitar no primeiro sinxelo do que será o segundo e esperado, álbum da banda de Cartagena, cunha carreira meteórica que os levou cun só disco a posicionarse como unha das imprescindibles da escena do noso país. Un álbum que sairá o vindeiro mes de maio baixo o nome de “Cowboys de la A3” e que presentarán o 3 de xuño (21.00 horas) co cartel de “entradas esgotadas”.

Nese momento máxico do solpor sobre a Ría de Vigo tamén poderemos gozar este ano de grandes artistas como Curtis Harding, considerado un dos grandes nomes do soul e o R&B na actualidade. A súa música recolle influencias do soul, o R&B e o gospel máis clásico. Ou do rockabilly dos irmáns Kitty, Daisy & Lewis, ao máis puro setilo de Jerry Lee Lewis ou do mesmo Elvis. Os incombustibles !!! (Chk Chk Chk) son, xunto con LCD Soundsystem, unha das grandes bandas de dance-punk. Chegan a TerraCeo con novo álbum baixo o brazo, “Let It Be Blue”, co que celebran 25 anos de carreira facendo bailar ao público. Os amantes do rock máis clásico poderán disfrutar co que foi apodado como “a voz do rock”, Glenn Hughes, ex vocalista e baixista de Deep Purple. O artista interpretará o lendario álbum dos Deep Purple, “Burn”, celebrando o 50 aniversario da súa publicación, ademais doutros grandes éxitos da banda británica. Será o único concerto que terá lugar, ademais, no auditorio interior.

Do outro lado do charco chega unha artista imprescindible da música latina. Con nove álbumes publicados e máis de 30 millóns de discos vendidos, Julieta Venegas levou o Grammy ao Mellor Álbum de Pop Latino por “Limón y Sal”. Non sería o único, xa que levou outros 7 premios Grammy Latinos, o último deles pola súa colaboración con Bad Bunny en “Lo Siento BB:/”. Compositor, produtor e músico que acompañou a Joaquín Sabina durante a maior parte da súa carreira, Pancho Varona compuxo tamén cancións para Ana Belén, Manolo Tena ou Luz Casal. No seu directo coa Banda del Pirata Cojo podemos atopar moitos destes temas ademais das súas cancións en solitario

Depedro, que abre esta edición do TerraCeo co aforo a piques de completarse, é xa un imprescindible do noso panorama nacional. Vén de publicar “Antes que Anochezca”, o seu primeiro álbum en directo, con colaboracións de Iván Ferreiro, Luz Casal ou Amparo Sánchez (Amparanoia). E se falamos de festivais, La La Love You xa se converteron nun nome case imprescindible grazas ao extraordinario éxito de “El Fin del Mundo”, tema xa convertido en himno con máis de 80 millóns de escoitas en Spotify. E que poderiamos dicir de María José Llergo? Co seu debut, “Sanación”, deixou claro que era unha das grandes voces do novo flamenco, cun pé na tradición e outro na vangarda.

TerraCeo tamén quere apostar por descubrir propostas máis descoñecidas e menos habituais. É o caso do colectivo de músicos Tuareg, Tinariwen, considerados pioneiros do desert blues e cun premio Grammy ao Mellor Álbum de World Music por “Tassili”. Outra das sorpresas que vai levar o público é a de Chris Jagger. O irmán de Mick Jagger segue a ser un descoñecido para o gran público, pero a súa mestura de blues, folk e country recorda a grandes nomes como Van Morrison.

E para deixar un sabor galego nos beizos, temos a Boyanka Kostova e HARD GZ. Sen ningún tipo de prexuízo, os Boyanka Kostova mesturan hip-hop e trap coa música galega tradicional. Unha proposta que está a causar sensación entre as novas xeracións, como tamén o está a facer HARD GZ, un rapeiro galego afincado en Barcelona. Con millóns de reproduccións en Spotify, este artista está a facerse un nome dentro da música urbana española.

A programación do Festival TerraCeo, así como toda a información sobre a venda de entradas poden atoparse na páxina web do Mar de Vigo, www.auditoriomardevigo.com

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00