Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Sociedad
Premios Literarios

Máis de mil candidaturas aos Premios Internacionais de Poesía Carlos Oroza 2023

Na modalidade de castelán presentáronse case mil traballos procedentes de todo o mundo, mentres que en galego hai cen propostas

García Teijeiro e Javier Romero na sede de Évame Oroza en Vigo, nunha imaxe de arquivo / Jacobo Buceta

A primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, promovida pola Asociación Cultural Évame Oroza en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, arrincou cun enorme éxito de convocatoria. O prazo de presentación de candidaturas rematou hai unhas semanas cun número de propostas que superou calquera cifra barallada: preto de mil na convocatoria en castelán e cen, na modalidade de galego.

No caso da convocatoria en galego, e como resulta lóxico, a maior parte dos cen participantes chegou de Galicia (Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense...), aínda que hai algún que procede do resto de España ou mesmo do estranxeiro, pero case todos son galegos/as.

Na modalidade de castelán, á que se presentaron case 1.000 poetas, hai una enorme variedade na procedencia. Por suposto, dominan as e os remitentes procedentes de España (máis de 550), dos cales preto de corenta son galegos.

Pero destaca a enorme participación de países de Hispanoamérica, cunha amplísima participación de poetas de Arxentina, Colombia, México, Cuba, Chile, Venezuela, principalmente, pero tamén temos propostas de El Salvador, Costa Rica, Uruguai, Brasil, Nicaragua, Ecuador... Tamén hai participantes procedentes de Estados Unidos ou Canadá (aproximadamente 20 en total) e de Europa (Italia, Noruega, Reino Unido e Portugal).

Recepción das obras

O prazo de presentación das obras foi do 29 de marzo ao 30 de xuño é a resposta foi impresionante, sobre todo nos últimos días do prazo nos que chegaron centos de propostas. Como indican as bases, o tema é libre e o escrito presentado ten que ter unha extensión mínima de 500 versos.

Ante tal éxito de participación, que superou todas as expectativas, a organización veuse obrigada a xestionar un prexurado para facer a criba inicial e dende hai unhas semanas xa está traballando arreo. Como xa se anunciou no seu día, hai dous xurados (o de castelán presidido por Ignacio Gómez de Liaño e o de galego, con Antonio García Teijeiro como presidente) e en breve comezará a súa complicada tarefa.

A resolución darase a coñecer ao longo do mes de novembro do presente ano. A Asociación Évame Oroza publicará as obras gañadoras e reservarase os dereitos de edición durante un prazo de 18 meses, que comezará a contar dende a concesión do premio. Ademais, tamén en ambos casos, a dotación económica do premio será de 6.000 euros para o gañador/a.

O Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, que celebra a súa primeira edición no ano do centenario do nacemento do poeta galego, convocarase con periodicidade bienal —cada dous anos—.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00