Complicado e tenso rescate dunha rapaza na Punta da Buitra

Rescate en Muxía

Día de moito traballo para os corpos sanitarios e de seguridade en Muxía. Foron dous os sustos por culpa, unha vez máis, do pouco respecto que se lle ten a forza do mar. O máis grande produciuse na Punta da Buitra, lugar que, con este, xa suma cinco accidentes no que levamos de verán. Tres pescadores de Vimianzo e Camariñas chegaron alí a primeira hora da mañá e foi un pouco máis tarde cando un deles caeu repentinamente ao auga. A rapaza e o rapaz que lle acompañaban intentaron todo para axudalo, pero ela acabou tamén caendo ao mar.
Aínda que o que quedaba en terra puido salvar ao primeiro, non puido nun principio facer nada coa rapaza, natural de Vimianzo, á que a forza do mar levou lonxe e a golpeou con forza contra as rochas. Foron momentos de gran tensión, ata que conseguiron subila ás pedras e observaron que tiña unha ferida de consideración.
Chegou entón a Policía Local e a Protección Civil, que comprenderon a imposibilidade de que fose trasladada en camilla e mobilizaron ao Helimer 401. Pouco despois o helicóptero de Salvamento Marítimo salvaba a rapaza e trasladábaa ao aeroporto de Alvedro, dende onde foi levada ao CHUAC en ambulancia. Os outros dous rapaces, un de Vimianzo e outro de Camariñas, foron levados ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee sen feridas de gravidade.
A outra das alertas que demandaron da atención sanitaria e de seguridade, foi na zona da Virxe da Barca. Alí unha parexa e as súas dúas fillas, naturais de Zaragoza, caeron ao mar mentres estaban visitando o santuario. Finalmente puideron saír polo seu propio pé e se lles prestaron os primeiros auxilios. Dende as forzas de seguridade lamentan que, o de aproximarse demasiado ao mar, é un acto de irresponsabilidade que se repite ano tras ano.