Martinho causa danos no hospital de Cee e no Semáforo de Fisterra
A intensidade do vento superou os 130 km/h en Lira e Vimianzo, chegou a 126 en Fisterra e achegouse aos 100 km/h en Cee ou Camariñas


O temporal deixou un regueiro de incidencias por toda a zona. Os Operarios municipais, membros de protección civil, Policía Local e Bombeiros traballaron intensamente na mañá deste xoves para retirar das estradas e rúas postes do tendido eléctrico e de telefonía, árbores caídas e contedores do lixo envorcados.


En Carballo o vento levou parte da cuberta dun edificio da Rúa Vila de Noia causando danos en varios coches e na parroquia de Lendo na Laracha o tendido eléctrico caído provocou un pequeno incendio.
A zona máis afectada fi a comarca de Fisterra, no hospital de Cee a varanda metálica de seguridade da cuberta superior desprendeuse caendo sobre a terraza do primeiro andar causando varios danos no edificio pero sen provocar danos persoais e permitindo que a xornada de traballo continuase con normalidade. Tamén en Cee, na rúa Fernando Blanco, foi necesaria a actuación dos bombeiros debido ao perigo que supoñía un andamio que ameazaba con caer ao chan.
As ondas puxeron en perigo embarcacións amarradas en portos como o de Corcubión ou Fisterra.
Na Vila do Cristo o forte vento causou danos en varios tellados e vehículos. O edificio máis afectado foi o hotel O Semáforo xunto ao faro, o vento desprendeu parte da cuberta e levou unha ventá do baixo cuberta que saíu voando ata o mar. Os danos afectaron a varias habitacións do establecemento que se viu obrigado a rehubicar a varios clientes noutros aloxamentos.


Martinho afectou tamén intensamente a Corcubión tirando varias árbores de gran tamaño obrigando a pechar o acceso ao faro parte da mañá. A zona do interior da comarca foi a menos afectada nesta ocasión.