Xinzo renova o seu irmandamento con Ponte de Lima
O convenio entre ambas localidades leva vixente 41 anos

Renovación do convenio de irmandamento entre Xinzo e a vila portuguesa Ponte de Lima

O Concello de Xinzo vén de renovar o protocolo de irmandamento coa vila portuguesa de Ponte de Lima despois de 41 anos de vixencia. O municipio limiao estivo representado por Carlos Gómez Salgado, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Turismo e Relacións Institucionais, quen asinou o protocolo de irmandamento. Un acto que tivo lugar no marco da conmemoración dos 900 anos do Foral de Ponte de Lima.
Ponte de Lima e Xinzo de Limia levan unidas desde o 16 de abril de 1984, sendo este o primeiro acordo de irmandamento da vila portuguesa con outro municipio. Ademais da renovación deste acordo, Ponte de Lima reafirmou os seus lazos cos municipios de Chalette-sur-Loing e Vandœuvre-lès-Nancy (Francia), así como con Río de Xaneiro (Brasil). Ao mesmo tempo, asinou tres novos protocolos de irmandamento con Saint-Cyr-l’École (Francia), Allariz e Dujiangyan (China).
Tal e como explica o Concello de Xinzo, estes acordos de irmandamento buscan fomentar a cooperación entre municipios a través do intercambio de experiencias e boas prácticas en diversos ámbitos, promovendo a colaboración cultural, científica, deportiva, comercial e industrial entre cidadáns, empresas e institucións.
Desde hai décadas, Xinzo e Ponte de Lima manteñen unha estreita relación a través de continuas actividades e intercambios culturais, educativos e medioambientais. Esta colaboración intensificouse a partir do ano 2011, cando a Asociación Civitas Limicorum impulsou proxectos conxuntos entre ambas vilas irmandadas. Entre as iniciativas máis destacadas figuran o Abrazo ao Río Limia no 2012, a recreación na vila portuguesa do paso do río Lima polas lexións de Décimo Xuño Bruto e a participación de Xinzo de Limia no Corteo Histórico das Feiras Novas en varias edicións.
Outros intercambios habituais inclúen a presenza de Xinzo na Feira do Medio Ambiente, a celebración do Día de Xinzo en Ponte de Lima e a participación de grupos musicais de ambas localidades, especialmente gaitas e corais. Esta tradición terá continuidade o vindeiro 29 de marzo, cando o Orfeão Limiano de Ponte de Lima actuará no Festival de Corais organizado pola Coral Santa Mariña de Xinzo de Limia. O 11 e 12 de xuño celebrarase en Xinzo o Abrazo ao Río Limia, e o 15 de agosto participaremos no Festival das Cidades Irmandadas en Ponte de Lima, cunha representación no noso folclore, música e tradición.