Xinzo aproba os seus orzamentos para 2025
As contas ascenden a preto de 9 millóns de euros

Na sesión ordinaria de febreiro saíron adiante os orzamentos de 2025

O pleno do Concello de Xinzo de Limia aprobou os orzamentos municipais para este exercicio cun total de 8.908.000 euros en ingresos e 8.575.000 euros en gastos. Dende o goberno local explicaron que a pesar da limitación imposta polo Plan de Axuste ao que está sometido o Concello ata 2032, conseguiu reservar 390.000 euros para investimentos. O executivo local subliñou tamén que "a cantidade é reducida e que será preciso optimizar os recursos ao máximo para atender as necesidades prioritarias do Concello, tal como se fixo nas últimas anualidades".
Nesta sesión tamén saíron adiante outros asuntos, como a obra de humanización da travesía da estrada N-525 ao seu paso por Xinzo, que foi oficialmente adxudicada o pasado 20 de febreiro.
O pleno tamén aprobou, por unanimidade, unha moción do Grupo Municipal Socialista para a reparación de diversas rúas do casco antigo. O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, e o alcalde, Amador Díaz, explicaron que estas vías non están incluídas no Plan HURBE, un proxecto que suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros e que se atopa na súa fase final de preparación. Con todo, o goberno municipal xa previra esta necesidade e está a rematar un proxecto independente cun orzamento estimado de 300.000 euros para mellorar esas rúas.
Outro dos puntos aprobados foi ao redor do Conservatorio Profesional de Música. O alcalde, Amador Díaz, comprometeuse a liderar un grupo de traballo xunto cos outros catro alcaldes da provincia que manteñen conservatorios profesionais financiados exclusivamente polos seus concellos. O obxectivo é reclamar apoio económico por parte da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación.
Irmandamento con Ponte de Lima
O Pleno aprobou a renovación do irmandamento entre Xinzo de Limia e Ponte de Lima, coincidindo co 900º aniversario da vila portuguesa. A sinatura formal deste acordo de renovación celebrarase o vindeiro 3 de marzo en Ponte de Lima e o Concello de Xinzo.
Regulación das colonias felinas
A corporación municipal aprobou por unanimidade un protocolo para regular a xestión das colonias felinas. Este marco legal permitirá traballar de forma sostible na protección e control das colonias, ademais de facilitar o acceso a subvencións públicas para as asociacións que desenvolven esta labor no municipio.
Aforro de 70.000 euros na factura eléctrica
Por decreto de Alcaldía, revogouse a adhesión do Concello ao convenio da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para o subministro eléctrico, tras un estudo técnico que revelou que Xinzo podería aforrar ata 70.000 euros anuais contratando a enerxía por outras vías.