O Concello de Ribadavia xa ten pechada a programación do Entroido
Descubran todos os detalles ...

A concelleira Yolanda Gómez e o alcalde, César Fernández, co cartaz do Entroido 2025. / red

Ribadavia
O Concello de Ribadavia presenta a programación do Entroido 2025, que se extenderá desde o 20 de febreiro ao 8 de marzo, cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos. Entre os eventos máis destacados deste ano atópanse o tradicional Xantar Popular do Martes de Entroido e o gran Desfile de comparsas, charangas e carrozas do Domingo de Entroido.
O Xantar Popular, que terá lugar o martes 4 de marzo ás 14:30 horas na Alameda de Ribadavia, é un dos momentos máis agardados das festas. Os asistentes poderán gozar dun menú tradicional composto por empanadas artesanais de carne e atún, cocido galego con tenreira, orella, cachucha, lacón, touciño, chourizo, patacas, repolo e garavanzos, ademais de sobremesas con bica e melindres. Todo isto maridado con viño do Ribeiro, ademais de café e chupitos. Tamén haberá un menú especial para os máis pequenos. As entradas poden adquirirse na Casa da Cultura ata o mércores 26 de febreiro, cun prezo de 25€ para adultos e 14€ para nenos ata os 10 anos. Recoméndase acudir disfrazado para vivir o espírito do Entroido ao máximo.
“O martes do Xantar Popular contaremos ademais cun paiaso para amenizar a festa aos máis pequenos e tamén co grupo Louband, que de seguro nos fará desfrutar e bailar a todos nunha marabillosa tarde de Entroido”, apunta a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, sobre este xantar que servirá para xuntar a veciños e veciñas arredor da mesa.
Por outra banda, o gran Desfile de Entroido do domingo 2 de marzo será un dos actos centrais da festa. As comparsas, charangas e carrozas percorrerán as rúas de Ribadavia desde o Instituto ata a Praza Maior a partir das 17:30 horas, nun espectáculo cheo de música, cor e ledicia. A animación correrá a cargo de Sorcha e Tabealeiros da Istoria, garantindo un ambiente festivo para todos os asistentes.
“Non só contaremos con comparsas e charangas locais, tamén chegadas dende outros puntos da provincia e incluso alén delas”, indica a concelleira, Yolanda Gómez, que ademais engade que “adoita ser un desfile moi vistoso e animado. Convidamos a todos e todas as que queiran participar tamén a que o fagan, o prazo para apuntarse aínda está aberto” aproveita para animar a unirse a esta festa. As bases para participar no Desfile están expostas na páxina web do Concello de Ribadavia.
Ademais destas actividades, o Entroido de Ribadavia incluirá desfiles escolares, festas infantís, concertos e animación nas rúas, convertendo a vila nun punto de referencia destas festas tradicionais.
O Concello de Ribadavia convida a toda a cidadanía e visitantes a participar activamente neste Entroido 2025, unha celebración que une tradición e diversión para todas as idades.