Quen foi Xosé Vizoso?: “Un artista total que marcará unha época, un currante e un home bo”
Adeus ao escultor, muralista, deseñador e ilustrador mariñano, que deixa unha extensa obra “que aínda haberá que dar a coñecer”

¿Quen foi Xosé Vizoso?: “Un artista total que marcará unha época, un currante e un home bo”
07:52
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
Xosé Vizoso viña de se converter no primeiro autor vivo homenaxeado polo Día da Ilustración en Galicia. O seu delicado estado de saúde permitíalle asistir, hai tan só uns días, a algúns dos actos convocados na súa honra e ás exposicións que repasan a súa traxectoria. Tras meses de actividades que pretendían poñer en valor a súa extensa obra, o artista mindoniense falecía aos 75 anos no seu domicilio en Brión.
Diversas institucións e persoeiros de toda Galicia trasladaron o seu pesar polo pasamento dun dos deseñadores máis característicos das últimas décadas, pero as condolencias chegaban con especial emoción dende A Mariña, a súa comarca natal e coa que gardaba unha estreita relación. Quen o coñecía asegura que era difícil pasear por calquera dos municipios mariñanos sen que o parasen varias veces para saudalo, especialmente en Mondoñedo, de onde era natural.
O cronista oficial da súa localidade de nacemento e amigo, Antonio Reigosa, asegura que "marcha un home bo, moi querido, con amizades por toda Galicia e especialmente na Mariña de Lugo onde é moi coñecido e estimado". "Queda a memoria", engade, "dos que o tratamos como amigo, que conservaremos a imaxe e as cualidades da persoa".
No plano atístico o legado que deixa Xosé Vizoso é aínda incalculable. Foi deseñador, ilustrador, retratista, ceramista, grafista e muralista e, por engadido, un dos máis icónicos e cun estilo propio máis marcado das últimas décadas no panorama galego. Reigosa califícao como "un artista total", coñecido sobre todo pola súa etapa profesional vinculada a Sargadelos, marca para a que firmou moitos deseños, pero tamén, na Mariña, polo seu traballo de cartelista para eventos tan recoñecidos como a Feira do Bonito de Burela e, especialmente, as San Lucas de Mondoñedo.
Sobre estes carteis, apunta Antonio Reigosa, "calquera veciño era capaz de saber quen era o autor se fixarese na sinatura", unha mostra de que foi un artista inconfundible e cun estilo propio moi marcado. "Do que si estou seguro é de que vai marcar unha época do deseño galego en xeral e moitos outros campos como o do muralismo, a ilustración ou a escenografía porque se algo tiña Vizoso é que era auténtico, absolutamente orixinal e cun estilo moi persoal, inconfundible".
Mais, a pesar de todo, é unha figura aínda pouco recoñecida "que aínda teremos que poñer en valor". Falta, cre Reigosa, o estudo da súa obra e teorizar sobre o amplo legado artístico que deixa e que cre que non ocupa aínda o lugar de referencia que lle corresponde, en parte, debido á propia personalidade do autor: "Era unha persoa, a parte de humilde, que non lle daba a importancia que tiña ao seu traballo". "El o que era por enriba de todo é un currante, a él o que lle gustaba era trabllar, debuxar e facer bosquexos ata que daba co que lle parecía que podía ser unha boa obra", explica.
Exposicións
O falecemento de Xosé Vizoso coincide no marco dos actos que se levan organizando dende hai xa varios meses por ter sido escollido como homenaxeado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Por iso agora mesmo permanecen abertas varias exposicións que repasan a súa traxectoria e recollendo parte da súa obra.
Por unha parte, o Museo Provincial de Lugo ten aberta ao público ata o día 29 de marzo a mostra 'Universo Vizoso', e na Cidade da Cultura vén de inaugurarse outra exposición que leva por título 'O neno que debuxou un cabalo', que se poderá visitar ata o mes de maio.
Antía Montes
Radio Lugo