A Costa da Morte terá protagonismo no Día das Letras
Malpica e Muxía protagonizarán actos de homenaxe ás cantareiras, ás que se lle adica este 17 de maio


Costa da Morte
A Real Academia Galega vén de presentar as iniciativas coas que celebrarán o Día das Letras, na que este ano se rende homenaxe á poesía popular oral e ás mulleres que, como as cantareiras, axudaron a súa transmisión.
Malpica, berce das Pandereteiras de Mens, acollerá un pleno extraordinario e público o 17 de maio, Día das Letras, no que Antón Santamarina, Ana Boullón e Xesús Alonso Montero pronunciarán as alocucións académicas.
Non será a única vila da bisbarra con protagonismo neses actos. A finais do vindeiro mes de marzo a Real Academia estreará "Se canto é porque quero", unha serie web na que haberá protagonismo do alumando e profesorado do instituto Ramón Caamaño de Muxía.
A RAG personifica a homenaxe ás cantareiras en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) que faleceron hai máis de dez anos. Este será en calquera caso un ano para recoñecer tamén a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, e de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria, destacou esta mañá Ana Boullón, promotora da candidatura, na presentación da programación da Academia para as Letras Galegas 2025.
Se canto é porque eu quero, a serie documental das cantareiras
A finais de marzo prevese tamén a estrea da serie documental web Se canto é porque quero, unha proposta de tres episodios, o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. “Aínda que cada capítulo leva un nome e un apelido, non esquecemos que esta é unha homenaxe coral. O noso obxectivo é abordar cuestións máis xerais vinculadas ás cantareiras e á nosa tradición oral”, explican os codirectores, Damián Varela e Alba López González.
O propio título da serie bebe do Cancioneiro popular galego recollido pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. O académico é unha das voces entrevistadas, canda a música Mercedes Peón, Richi Casás (neto de Rosa Casás e autor de Fuliada na vila) no primeiro episodio, que afonda na historia da recolla de coplas e músicas. O capítulo conta tamén con Alejandro Martínez Míguez, Miguel Barbazán Lesta e Leticia López Rey, tres rapaces que seguen a realizar recollas.
O segundo capítulo, dedicado ás Pandeireteiras de Mens, recollerá os testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, da Agrupación Folclórica Aturuxo, á que pertenceron as malpicás; e voces de integrantes da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda e mais Carme e Uxía da Pontragha, quen exporán como enfocan as súas aulas de canto e pandeireta en ambientes urbanos e reflexionarán sobre como o cancioneiro popular é transmisor da lingua galega na actualidade. O episodio incluirá ademais unha clase práctica da cantadora e tocadora Jara Ortiz, que explicará a estrutura dunha cantiga.
O derradeiro episodio, con Eva Castiñeira como protagonista, recollerá un encontro no CEIP dos Muíños de Muxía no que Mondra e Caamaño&Ameixeiras manterán un encontro co alumnado. Ambas as partes conversarán sobre como construír novas coplas e músicas a partir de recollas tradicionais. Felisa Segade, compoñente de Leilía, e as rapazas de Regueifa Tour, un proxecto impulsado por regueifeiras adolescentes, colaboran tamén neste capítulo.