Rodrigo Osorio: "A batalla polos murais de Lugrís é unha loita pola nosa memoria cultural"
A cidade de A Coruña prepárase para celebrar o "Día Lugrís", unha iniciativa impulsada pola Asociación O Mural co obxectivo de reivindicar e preservar a obra muralística de Urbano Lugrís
Rodrigo Ossorio, portavoz de la Asociación O Mural
20:04
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
A cidade de A Coruña prepárase para celebrar o "Día Lugrís", unha iniciativa impulsada pola Asociación O Mural co obxectivo de reivindicar e preservar a obra muralística de Urbano Lugrís. Nesta XV edición, os actos inclún unha manifestación en defensa dos frescos do artista situados na rúa Olmos, actualmente en perigo debido ao deterioro do edificio onde se atopan. Para afondar nesta situación, conversamos con Rodrigo Osorio, portavoz da Asociación O Mural.
A pegada de Lugrís na ilustración e o muralismo
Rodrigo Osorio destaca que a obra de Lugrís é fundamental na historia da ilustración galega: "Antón Patiño dicía que a línea de Lugrís era a liña dun buzo, fluía con naturalidade e perfección". O artista coruñés, nado en 1908, deixou un legado que combina o surrealismo con elementos mariñeiros e fantásticos, evocando un mundo onírico de sereas, peixes e cidades imaxinarias.
Ademais da súa traxectoria como ilustrador e muralista, Lugrís estivo vencellado ás Misións Pedagóxicas e ao Teatro de Monicreques, movementos culturais que buscaban achegar a arte á sociedade. "Foi unha figura irrepetible, cunha formación galeguista e republicana que se reflicte en toda a súa obra", subliña Osorio.
O estado crítico dos murais dos fornos
A situación dos murais de Lugrís no antigo restaurante Fornos é preocupante. Segundo Osorio, "dende xuño de 2021, cando o local pechou, vimos alertando do seu deterioro". A falta de mantemento do edificio permitiu filtracións de auga e a proliferación de fungos, danando gravemente as pinturas. "No informe do Concello de xaneiro de 2023 xa se indicaba que o mural principal estaba en estado crítico", lamenta.
A presión cidadá e mediática levou á Xunta de Galicia a iniciar os trámites para declarar as pinturas Ben de Interese Cultural (BIC), mais persiste un problema: "A Xunta adquiriu os murais, pero non o edificio, o que fai moi difícil a súa protección efectiva". Ademais, existe a posibilidade de trasladar as pinturas ao Museo de Belas Artes, algo que a Asociación O Mural rexeita: "A obra de Lugrís foi creada para ese espazo, descontextualizala sería unha mutilación".
A loita pola conservación
A comparación con outros casos como o mural de Lugrís en Santiago, protexido por unha estrutura de metacrilato grazas ás xestións do Concello, evidencia a falta de resposta das institucións coruñesas. "En Santiago presentámoslles un escrito e nunha semana chamáronnos para dialogar; en A Coruña levamos tres anos sen resposta directa do Concello", denuncia Osorio.
A solución ideal para O Mural sería conservar o espazo dos fornos como un centro cultural dedicado á obra de Lugrís. "Non queremos un museo tradicional, senón un lugar de encontro, un espazo vivo onde se poidan organizar actividades culturais", explica. Manter os murais no seu contexto orixinal daríalles un valor único e permitiría conservar a esencia do artista.
O "Día Lugrís": unha manifestación atlántica
Os actos reivindicativos terán tres citas principais. Hoxe, venres, celebrarase unha charla sobre a situación dos frescos no local dos Maracos, en San Diego. O sábado, a xornada comezará cunha intervención artística no Obelisco, onde os asistentes poderán pintar os seus propios paraugas con motivos lugrisianos. Finalmente, ás 19:30 horas partirá unha "manifestación atlántica" desde a rúa Olmos para reclamar unha solución urxente para os murais.
"Cada día que pasa faino máis difícil e caro recuperar estas pinturas", advirte Osorio. "Non queremos que A Coruña perda este legado irrepetible por desleixo institucional". O chamamento é claro: actuar agora ou lamentar despois. O futuro dos murais de Urbano Lugrís está en xogo.