Ocio y cultura

Chega a Carballo a oitava edición da Mostra de cine euroárabe “AMAL en Ruta”

Nesta edición centrarase na situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa

O Pazo da Cultura de Carballo acolleu a oitava edición da mostra de cine euroárabe “AMAL en Ruta Carballo 2025” organizada conxuntamente pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o concello de Carballo co obxecto de achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.

Nesta edición, abordaranse principalmente temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes. Baixo o lema “Existir es resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e noutras historias de resiliencia en contextos de conflito e migración. Os filmes abordan temáticas como a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa.

O director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, lembrou que desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións de movemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte. Engadiu que “Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita. Os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia. Amal non é só un festival de cine, é un acto de resistencia. Nos 22 anos de Amal, loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie. Pero Amal significa esperanza, e este ano significa, sobre todo, resistencia”

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero quixo agradecerlle á Fundación “que siga existindo e resistindo” para crear iniciativas como esta e “amosarlle aos veciños que tamén hai cultura de resistencia”. Para rexedor “o que está ocorrendo co xenocidio na franxa de Gaza e coas invasións posteriores” deixa “na súa gran maioría vítimas completamente inocentes” e AMAL en Ruta está conseguindo que exista un público “que está desexando refrescar o seu compromiso e refrescar as súas mentes cada edición”.

Ferrero desexou que a mostra de cinema sirva para “insistir, resistir e trasladarlle ao conxunto da sociedade estas realidades que están aí día a día”.

A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, asegurou que Carballo está “moi orgulloso de poder colaborar e de conseguir que haxa un público bastante fiel” e desexou que a iniciativa sirva para que “non se silencie esta cultura palestina”.

Cinco longametraxes con prestixio internacional

Esta edición de Amal en Ruta consta de catro ficcións e un documental, en versión orixinal subtituladas en castelán, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade.

► Xoves-30 de xaneiro. 20:00 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“The Teacher” Longametraxe de ficción/ Farah Nabulsi/ 2023/ Palestina/ 115 minutos

Un mestre de escola palestino loita por conciliar o seu arriscado compromiso coa resistencia política coa posibilidade dunha nova relación coa traballadora voluntaria Lisa e o seu apoio emocional a un dos seus alumnos Adam. A cinta recibiu numerosos premios internacionais.

Farah Nabulsi é unha directora palestino-británica defensora dos dereitos humanos. Foi nomeada aos Oscar e gañou un premio BAFTA pola súa curtametraxe “The present” no 2021. Fundou unha produtora a través da cal escribe, produce e dirixe as súas filmes de ficción, explorando temas que lle importan.

► Sábado-1 de febreiro. 20:00 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

Inshallah Walad” Longametraxe de ficción/ Amjad Al Rasheed / 2023/ Xordania, Francia, Arabia Saudí, Qatar/ 113 minutos

Nai e ama de casa, Nawal ten que enfrontarse á súbita morte do seu marido. Segundo a lei de sucesións, a familia do seu marido ten dereito á maioría das súas pertenzas, incluída a vivenda que ela pagou por si mesma, só porque non ten fillo varón. Desesperada, finxe estar embarazada.

Amjad Al Rasheed, nado en 1985, é un director e escritor xordano. A súa primeira longametraxe, Inshallah Walad, estreouse mundialmente no Festival de Cannes de 2023 como parte da prestixiosa Semana da Crítica. Isto converteuna na primeira película xordana seleccionada para o Festival de Cine de Cannes.

► Xoves-6 de febreiro. 20:00 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“The Old Oak” Longametraxe de ficción / Ken Loach / Reino Unido / 2023/ 110 minutos

O filme narra o futuro de The Old Oak, o único pub que resiste nunha vila do noroeste de Inglaterra, onde a xente está abandonando a terra a medida que pechan as minas. As casas son baratas e están dispoñibles, polo que é un lugar ideal para un grupo de refuxiados sirios.

Ken Loach é un director británico de renome, coñecido polo seu estilo realista e o seu enfoque sobre temas sociais e políticos. Ao longo da súa carreira, dirixiu aclamadas filmes como “I, Daniel Blake”, “Riff-Raff” e “The Wind that Shakes the Barley”, todas elas premiadas internacionalmente. Loach destaca polo seu compromiso coa xustiza social, acotío explorando as loitas das clases traballadoras e grupos marxinais nas súas obras cinematográficas.

► Xoves-13 de febreiro. 20:00 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“To a Land Unknown” Longametraxe de ficción/ Mahdi Fleifel / Grecia, Reino Unido, Palestina / 2024 / 105 minutos

Chatila e Reda, de orixe palestina, son dous curmáns que remataron vivindo nos suburbios de Atenas buscando unha vida mellor. No intento de aforrar diñeiro para pagar os pasaportes falsos e mudar a Alemaña, Chatila trama un plan extremo que consiste en facerse pasar por traficantes e tomar reféns no esforzo por sacalo a el e ao seu curmán dunha contorna sen esperanza antes de que sexa demasiado tarde.

Mahdi Fleifel é un cineasta palestino que reside en Londres. Naceu en Dubai, creceu no campo de refuxiados de Ain El-Helweh (O Líbano) e nas aforas de Elsinore (Dinamarca). Graduouse na Escola Nacional Británica de Cinema e Televisión en 2009. O seu coñecido documental, “A World Not Ours” percorreu o gran circuíto de festivais e obtivo numerosos premios, entre eles o Premio da Paz da Berlinale, o de Mellor película en Edimburgo e o Gran Premio en Yamagata.

► Xoves-20 de febreiro. 20:00 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“Bye Bye Tiberias" Documental/ Lina Soualem/ 2023/ Palestina, Bélxica, Qatar, Francia/ 82 minutos

Anos despois de deixar a súa aldea palestina para emprender unha carreira de actriz en Francia, Hiam Abbass regresa a casa coa súa filla neste documental íntimo sobre catro xeracións de mulleres e o seu legado compartido de separación.

Cineasta e actriz franco-palestina-alxerina, Lina Soualem é licenciada en Historia e Ciencias Políticas pola Universidade da Sorbona. Soualem dirixiu os multipremiados filmes Their Algeria (2020) e Bye Bye Tiberias (2023), o cal foi elixido para representar a Palestina nos Oscar de 2024.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00