O programa SER na escola chega ao CEIP Xuvencos de Boborás
Radio Ourense-Cadena SER continúa levando a radio aos colexios do rural coa colaboración da Xunta de Galicia
Preto dun cento de nenos e nenas do CEIP Xuvencos de Boborás, dende infantil a primaria, participaron este xoves día 23 no segundo programa do proxecto SER na escola que leva a cabo Radio Ourense-Cadena SER coa colaboración da Xunta de Galicia. Os nenos e nenas convertéronse ao mesmo tempo en oíntes e en protagonistas, ao presenciar a emisión en directo do programa Hoy por hoy Ourense e intervir como locutores con contido elaborado por eles mesmos.
Así, o equipo técnico e humano do Hoy por hoy Ourense, dirixido e presentado por Pepe González, desprazouse ata o centro educativo, convertido nun estudo de radio. A cativada decidiu dedicar este espazo radiofónico ao seu municipio, falando da súa vida cultural e social, da riqueza patrimonial e histórica, das festas e do propio CEIP Xuvencos.
Tamén interviñeron no programa a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e representantes do profesorado e do servizo de comedor do centro.
A iniciativa SER na escola seguirá percorrendo os municipios da nosa provincia para achegar a radio aos centros educativos do rural e darlle voz ao alumnado.