Hoy por Hoy A CoruñaHoy por Hoy A Coruña
Ciencia y tecnología

Científicos coruñeses descubren restos de planetas desaparecidos en estrelas mortas: O futuro da Terra está en perigo?

En Coruña Científica con Bibiana García, falamos con Xabier Pérez Couto, líder do equipo do CITIC que levou a cabo esta investigación

Coruña Científica, con Bibiana García. Falamos con Xabier Pérez Couto

Coruña Científica, con Bibiana García. Falamos con Xabier Pérez Couto

10:11

Compartir

El código iframe se ha copiado en el portapapeles

<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1736855175867/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

A Coruña

Estreamos o ano cun descubrimento científico coruñés, realizado por un equipo de investigación do CITIC, que é o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións da Universidade da Coruña, que descubriu como son os restos de planetas que hai en estrelas mortas. Un achado que ademais publicaron na revista de referencia The Astrophysical Journal.

No universo hai multitude de estrelas, algunhas moi parecidas ao noso Sol, rodeadas dos seus planetas, aos que chamamos exoplanetas. As estrelas diferéncianse dos planetas porque brillan, e isto é porque nelas prodúcese a fusión do hidróxeno en helio, un proceso que desprende gran cantidade de enerxía, como podemos verificar desde a Terra cando nos alcanza a calor do Sol. Pero chega un momento en que o hidróxeno se acaba, o proceso de fusión detense e entón dicimos que a estrela morre. Cando isto sucede, a maioría das estrelas transfórmanse nos obxectos que chamamos ananas brancas. E é nesas ananas brancas onde o equipo do CITIC fixo o seu descubrimento, que foi determinar que hai elementos de planetas dentro desas ananas brancas.

Para saber máis deste achado hoxe temos connosco a Xabier Pérez Couto, líder do equipo do CITIC que o levou a cabo.

Que información achega a investigación á comunidade científica que se descoñecía ata o de agora?

A investigación amosou que algunhas ananas brancas presentan elementos pesados (calcio, magnesio, sodio e potasio) nas súas atmosferas, o cal é inesperado xa que normalmente estes elementos deberían afundirse no núcleo estelar debido á forte gravidade. Isto suxire que os elementos pesados están sendo absorbidos en tempo real, probablemente restos de planetas destruídos.

Que foi o que atopastes nesas ananas brancas? E como sabedes que proveñen de planetas e non doutro lugar?

Atopáronse trazas de elementos pesados nas súas atmosferas, o que indica que están sendo absorbidos actualmente. A hipótese máis aceptada é que estes elementos proceden de planetas destruídos ao morrer a estrela, xa que a composición e abundancia dos elementos non é compatible coa absorción desde nubes moleculares interestelares.

Iso podería ocorrer no noso sistema solar? Podería acabar a Terra dentro do Sol?

Si, segundo os modelos de evolución estelar, dentro de aproximadamente 4.000 millóns de anos, o Sol converterase nunha xigante vermella e absorberá Mercurio e Venus. Non está claro se a Terra será completamente destruída, pero espérase que as capas externas do Sol evaporen a auga da Terra, facendo imposible a vida.

Creo que un dos próximos pasos do voso equipo é tentar ver as ananas brancas directamente. Como se consegue isto? Que pensades que podedes atopar?

O equipo está a empregar o telescopio espacial Gaia, que permite observar unha gran cantidade de estrelas a baixa resolución. Para medicións máis precisas dos elementos presentes, planean usar telescopios terrestres de alta resolución, como o Gran Telescopio de Canarias. Agardan identificar con maior precisión a cantidade e tipo de elementos pesados presentes e determinar se hai máis elementos non detectados anteriormente.

Hoxe entendemos como pescudando no universo podemos saber máis sobre o futuro do noso planeta, aínda que sexa dentro de moito, moitísimo tempo.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00