Salud y bienestar

A xunta habilitará este ano un hospital de día oncohematolóxico en cee

Facilitará o acceso a tratamentos especializados para enfermidades oncolóxicas e hematolóxicas sen necesidade de desprazamento

Hospital da Costa da Morte en Cee / Cedida

Hospital da Costa da Morte en Cee

Cee

A Xunta habilitará este ano hospitais de día oncohematolóxicos nos centros hospitalarios da rede sanitaria pública de Cee e Barbanza, en Ribeira, segundo o previsto nun informe da Consellería de Sanidade abordado polo Executivo galego na súa reunión semanal.

Para este fin, a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, destinará un total de 1,4 millóns de euros ás obras das novas instalacións. O maior esforzo prevese no Hospital Público de Barbanza, onde é preciso construír un novo espazo para albergar a prestación deste servizo.

O informe da Consellería de Sanidade recolle a previsión de atender no distrito sanitario de Cee, ata 365 doentes ao ano, cunha poboación de referencia de 36.000 persoas ea ta 640 no do Barbanza, tendo en conta a taxa de incidencia do cancro e que a poboación deste distrito é de 64.000 habitantes.

A creación destes hospitais optimiza os recursos sanitarios e aproxima servizos de calidade e complexos á contorna da cidadanía, mellorando a calidade de vida dos pacientes e os seus familiares. Ademais, posibilitará o acceso a tratamentos especializados para enfermidades oncolóxicas e hematolóxicas como quimioterapia e transfusións, sen necesidade de desprazamento nin de hospitalización prolongada.

Segundo a Xunta, esta iniciativa mellorará a calidade de vida dos pacientes, ao ofrecer tratamentos ambulatorios, posto que os doentes poden recibir atención médica sen interromper significativamente a súa vida diaria, podendo volver a casa no mesmo día.

Aseguran dende a Consellería que os novos hospitais de día posibilitan unha maior eficacia, cunha atención integral e continuada, permitindo un enfoque multidisciplinar do tratamento do cancro, onde os pacientes poden recibir atención de oncólogos, hematólogos, persoal de enfermería e outros profesionais nun só lugar, o que facilita un seguimento máis próximo e unha atención máis coordinada.

Engaden que tamén posibilita a inclusión de programas de prevención e detección precoz, fundamental para mellorar os resultados dos enfermos de cancro. Así mesmo, un hospital de día pode ofrecer servizos de apoio psicosocial, como terapias e grupos de apoio, esenciais para o benestar do paciente.

Ademais, tendo en conta a prevalencia do cancro e enfermidades hematolóxicas na poboación, os hospitais de día axudarán a satisfacer esta necesidade e mellorar a atención na comunidade.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00