Estas son as finalistas para converterse en palabra do ano: Cal é a túa favorita?
Podes votar por aparvar, dina, meu/miña, cantareira, emerxencia climática e fala ata o 25 de decembro
Santiago de Compostela
Chega o final do ano e con el a Real Academia Galega abre o concurso 'A palabra do ano' a través do cal podes elixir cal foi para ti a verba máis representativa deste 2024. As finalistas son aparvar, que a RAG define como unha palabra "de sempre, de poderosa expresividade", que "alerta desta volta dos efectos do consumo excesivo de redes sociais, tanto pola perda de atención que provoca como polo espallamento de loiadas e contidos de baixa calidade". Xunto a ela atópase dina, que saiu á palestra coa catástrofe climática vivida na Comunidade Valenciana.
Cantareira incorpórase nesta lista nun 2024 no que se decidiu que as Letras Galegas do 2025 van estar adicadas ao cancioneiro popular galego. A seguinte palabra pola que se pode votar é fala, "sinxela e rotunda, esta voz popular é en Galicia sinónimo pleno da lingua do país", segundo o portal das palabras da RAG. Tamén emerxencia climática se atopa entre as finalistas, sinalando a RAG que "entre as pegadas que deixa o quecemento global na lingua, temos como finalista este sintagma nominal que chama á acción colectiva para frealo". Finalmente, a Real Academia Galega non queda atrás e súmase á fala da xeración Z, extrapolando ao galego o popular "bro" que usan os máis novos. "Bro? Non, meu!", sinala a institución para referirse á sexta palabra finalista, que é meu/miña. "En galego temos formas de noso con moito xeito para expresármonos con familiaridade e afecto".
As votacións están abertas ata o vindeiro 25 de decembro na páxina portaldaspalabras.gal
Lara Salgado
Redactora en Radio Galicia desde septiembre de 2022. Graduada en periodismo y derecho por la Universidad...