Case un millón de euros para o mosteiro de Trandeiras
A Confederación Hidrográfica achegará o 85% deste investimento e o Concello de Xinzo o 15% restante
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/VAGZCOT6GBDL5HLSUP2Q3S6AOI.jpg?auth=18779509abe93c78631dab52ff2cf0918193451417976b11b4170cb7ffa49e53&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Sesión plenaria no Concello de Xinzo
![Sesión plenaria no Concello de Xinzo](https://cadenaser.com/resizer/v2/VAGZCOT6GBDL5HLSUP2Q3S6AOI.jpg?auth=18779509abe93c78631dab52ff2cf0918193451417976b11b4170cb7ffa49e53)
O pleno ordinario de Xinzo de Limia aprobou por unanimidade un convenio coa Confederación Hidrográfia Miño Sil para levar a cabo unha nova obra de conservación no Mosteiro de Trandeiras cun orzamento de 920.000 euros, dos cales o consistorio achegará o 15% e a CHMS o 85% restante. Este proxecto dá continuidade aos traballos realizados durante o verán, cando o Concello adquiriu a propiedade, de 15.000 m², onde se atopan as captacións de auga.
Outro dos temas abordados na sesión plenaria foi a aprobación por unanimidade dunha moción conxunta que insta á Xunta de Galicia a crear un Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) en Ourense, propoñendo que este sexa de xestión pública. Debateuse e aprobouse tamén a prórroga do contrato de servizos de Axuda a Domicilio, cos votos a favor de tódolos grupos.
No eido da mobilidade, aprobouse a proposta do grupo socialista para a creación dunha ordenanza municipal que regule os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP). O concelleiro de Mobilidade indicou que “estamos traballando na materia, máis esta normativa deberá adaptarse á nova Lei de Seguridade Vial, que se atopa aínda en tramitación a nivel estatal”.
Abordouse tamén a demolición da presa de Gudín, actualmente en execución, co derrube da mesma e a construción dunha balsa para a carga de auga en caso de incendios. O reaxuste económico aprobado busca minimizar a carga financeira inmediata para o Concello.