Prisión para catro dos nove detidos na operación antidroga na Costa da Morte
Pasadas as dúas da tarde rematou a toma de declaracións dos detidos no xulgado de Corcubión


Costa da Morte
A xuíza do xulgado Primeira instancia e Instrución número 1 de Corcubión decretou o ingreso en prisión de catro dos nove detidos o pasado mércores na operación contra o tráfico de drogas en varios concellos da Costa da Morte.
Ás dez e vinte da mañá empezaron as declaracións do nove detidos baixo un forte dispositivo de seguridade da Policía Nacional e ante a mirada de familiares e curiosos que se achegaron ate o xulgado corcubionés.
As declaracións prolongáronse ate pasadas as dúas da tarde e finalmente a xuíza decretou o ingreso en prisión de catro deles.
Este pasado mércores Policía Nacional e Axencia Tributaria iniciaron unha ampla operación contra o narcotráfico en varios puntos da Costa da Morte e o Salnés. Axentes da UDYCO, unidade de droga e crime organizado, efectuaron rexistros simultáneos en Fisterra, Cee, Carnota, Coristanco e Carballo na Costa da Morte, tamén nunha vivenda da Illa de Arousa. Nos rexistros incautaron cantidades aínda por determinar de cocaína e haxis e detívose polo menos a nove persoas, entre os que hai algúns vellos coñecidos das forzas de seguridade con antecedentes. A operación estivo dirixida dende o xulgado de Corcubión que decretou a causa segreda.
Varias fontes aseguran que nos últimos tempos está detectándose un incremento significativo o tráfico e consumo de estupefacientes na Costa da Morte..