Xinzo contará cunha residencia de maiores con 80 novas prazas
Foi un dos temas abordados no pleno desta mañá
Xinzo de Limia
O pleno ordinario do Concello de Xinzo de Limia celebrado hoxe aprobou a bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para a rehabilitación dun edificio destinado a unha nova residencia de maiores na rúa da Roda. Este proxecto suporá a creación de 80 prazas para persoas usuarias e 35 novos postos de traballo.
Ademais, no marco do convenio asinado co Concello, reservaranse 4 prazas na residencia para o uso municipal, durante un período inicial de 24 meses, cunha prórroga posible ata 4 anos. Estas prazas serán xestionadas polos Servizos Sociais do Concello, garantindo que persoas en situación vulnerable poidan beneficiarse delas.
A pesar da creación desta residencia privada, o Concello mantén a idea de traballar nun proxecto a longo prazo para unha residencia pública, compatible coa oferta privada que se instalará na vila.
Outro dos puntos de relevancia abordados no pleno foi a ratificación do convenio de cooperación entre Xinzo de Limia e a Cámara de Montalegre, no marco do proxecto de creación da Eurocidade Xinzo de Limia Montalegre. A Eurocidade non só busca reforzar os lazos culturais e sociais entre Xinzo de Limia e a cidade portuguesa de Chaves, senón tamén impulsar unha economía mutua e potenciar a colaboración en sectores produtivos, culturais e sociais.
O pleno tamén aprobou a Conta Xeral de 2023 por unanimidade. Ademais, acordouse a inclusión dun suplemento de crédito para as contas de 2024, incorporando o remanente de tesourería do ano anterior e a devolución de tributos do Estado do ano 2022. Estes fondos destinaranse ao pago de facturas, novas obras e infraestruturas, así como aos gastos de enerxía eléctrica, actividades culturais e deportivas.