Convocado o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético en Redondela
Digna Rivas: este premio “non só recoñece o compromiso dos e das profesionais do xornalismo que contribúen a combater a violencia de xénero, senón que tamén serve como un permanente recordatorio ás vítimas”

Premios Sesé Mateo

O Concello de Redondela consolida o seu compromiso co xornalismo ético na loita contra a violencia machista coa convocatoria do IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético. Este certame ten como obxectivo recoñecer e destacar o traballo dos e das profesionais do xornalismo que aborden de maneira ética e respectuosa os temas relacionados coa violencia de xénero, protexendo a intimidade das vítimas e das súas familias.
A alcaldesa Digna Rivas, reafirma así u o compromiso do goberno local “na loita pola erradicación da lacra que supón a violencia machista en todas as súas manifestacións”. Rivas destacou que este premio “non só recoñecen o esforzo e o compromiso dos e das profesionais do xornalismo que contribúen a combater a violencia de xénero, senón que tamén serven como un permanente recordatorio ás vítimas”.
“Redondela sempre estivo comprometida coa igualdade e a loita contra a violencia machista e continúa liderando esta importante fronte”, sinala a alcaldesa. Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa ex parella, nun crime que deixou, ademais, sen fogar á súa familia durante meses. A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que “queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e as súas crianzas en particular”.
O premio, dotado con 1.500 euros en efectivo, está aberto a traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes, etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios en papel ou dixitais, ou emitidos en medios de comunicación radiofónicos ou audiovisuais, entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024. O prazo para a presentación dos traballos comeza mañá, día 24 de agosto, e finalizará o 30 de setembro de 2024. Poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela ou nos lugares que sinala o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre os cales se atopa a Sede Electrónica do Concello de Redondela.