La Ventana MetropolitanaLa Ventana Metropolitana
Sociedad
Punto Violeta

O Entroido de Verán de Redondela será un “Espazo libre de violencias machistas”

A alcaldesa lembra que o Entroido “foi desde sempre un espazo libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”

Reunión do concello e os hosteleiros de Redondela para activar o protocolo contra as violencias machistas

Reunión do concello e os hosteleiros de Redondela para activar o protocolo contra as violencias machistas

O Concello de Redondela presentou a campaña “Espazo libre de violencias machistas” para o Entroido de Verán en colaboración cos hostaleiros dos locais de ocio nocturno.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, reuníronse esta mañá cos empresarios para achegarlles os protocolos de actuación e os carteis informativos. Rivas, agradeceu “a boa acollida que ten esta campaña entre os locais de hostalaría e lecer nocturno, xa que todos os establecementos da vila súmanse a esta iniciativa e colaboran”.

Nun comunicado enviado aos medios, concello e hostaleiros informan do seu compromiso para prestar axuda a posibles vítimas de agresións machistas, ofrecerlles un lugar seguro e contactar cos servizos de emerxencias en caso necesario. Tanto nas barras do propio recinto como no resto de locais de Redondela estará exposta a información de “Espazo libre de violencia machista” co teléfono de atención 112.

A iniciativa púxose en marcha o verán pasado “e ten continuidade ao longo de todo o ano nos espazos de lecer do Concello de Redondela”, sinala Vilaboa. O seu obxectivo é facilitar aos establecementos ferramentas e protocolos de actuación ante posibles casos de agresións machistas, así como sensibilizar a toda a cidadanía e aos axentes implicados. Ao longo do ano realizáronse tamén cursos de formación para os traballadores dos locais de ocio.

Punto Violeta no Entroido de Verán

No caso do Entroido de Verán que se celebra este sábado, e ante a presenza masiva de público, haberá unha campaña especial na que colaboran todos os locais de ocio nocturno e tamén os hostaleiros que instalan barras nas rúas e no recinto da festa. Haberá un Punto Violeta e Arco da Vella no Hospital de Campaña instalado na Praza do Concello e un Punto Itinerante con Axentes de Igualdade percorrendo os espazos da festa. Estarán operativos durante todo o tempo que duren as actividades do Entroido.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que a campaña non vai dirixida só as posibles vítimas senón tamén a toda a sociedade, “xa que calquera persoa que presencie comportamentos machistas, agresións, insultos sexistas ou tocamentos non consentidos pode dar a voz de alarma”.

Rivas lembra que o Entroido de Verán de Redondela “foi desde sempre un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00