Hoy por Hoy Baixo MiñoHoy por Hoy Baixo Miño
Sociedad
Enquisas

O Rosal, protagonista nunha tese internacional sobre comunidades enerxéticas no rural

A estudante da Universidade de Gante Elena Gallego escolleu o municipio rosaleiro para realizar a súa investigación de fin de máster

A investigadora Elena Gallego no Rosal

O compromiso do Rosal co desenvolvemento sostible traspasa fronteiras. Así o indica o concello a través dun comunicado. A estudante da Universidade de Gante Elena Gallego está estes días no concello rosaleiro para realizar o traballo de campo para a súa tese de fin de máster, unha investigación centrada no desenvolvemento das comunidades enerxéticas nos municipios rurais.

A través do proxecto europeo EC4Rural, co que O Rosal colabora de forma activa e continua, Gallego escolleu o municipio rosaleiro polos grandes avances que está a realizar no eido das comunidades enerxéticas e polo seu enfoque estratéxico e innovador.

“Para o Concello é un orgullo apoiar a Elena nesta investigación para nós tan relevante. No Rosal estamos comprometidos e comprometidas co desenvolvemento sostible e as enerxías renovables e poder colaborar cun proxecto tan interesante é unha oportunidade única de compartir os nosos avances, facer un estudo de situación e aprender máis sobre o impacto que as comunidades enerxéticas teñen ou poden ter na nosa veciñanza”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez.

Enquisas no concello

Estudante do mestrado de Desenvolvemento Rural impartido na universidade belga, Gallego leva xa unhas semanas no Rosal recollendo información da zona e realizando fotos, vídeos e diversas entrevistas. Agora, xa nunha nova fase do proceso de documentación, está a realizar enquisas á veciñanza, un pequeno cuestionario de 30 preguntas coas que poderá avaliar o coñecemento e percepción que rosaleiros e rosaleiras teñen sobre desenvolvemento e brecha rural, sobre as distintas enerxías renovables e a súa implantación a nivel rexional e sobre o seu coñecemento e interese sobre as comunidades enerxéticas.

Como explica a investigadora, “as enquisas son fundamentais para entender mellor a relación que as e os habitantes do Rosal teñen co desenvolvemento rural, as enerxías renovables en xeral e as comunidades enerxéticas en particular”. O cuestionario está dirixido exclusivamente a persoas que residan no Rosal e conta cunha serie de preguntas demográficas ao principio para estudar a diferencia de opinións en función da idade ou do xénero, “unha diversidade de respostas que axudará a ter unha visión máis completa e precisa da situación”.

Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a cumprimentar a enquisa a través do formulario web habilitado ou en papel a través dos cuestionarios repartidos polo municipio e participar nunha grande oportunidade para contribuír ao coñecemento e ao avance das comunidades enerxéticas nun contexto rural.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00