Nuria Vidal: "En cuestión de dúas horas cambioume a vida, cóstame recoñecerme"
Hai 250 persoas diagnosticadas de COVID persistente na provincia de Ourense
Nuria Vidal, doente de COVID persistente
02:04
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Ourense
En decembro de 2022, Radio Ourense Cadena SER falaba con Nuria Vidal. Autónoma que se infectou da COVID a finais do 2021 cando tiña 42 anos. Entón contounos que o virus cambiou a súa vida "en dúas horas" e que a néboa mental condicionaba os seus pasos. Neste 14 de marzo de 2024, Día Mundial contra a COVID Persistente chamamos de novo a Vidal para saber como se atopa.
A voz, ao outro lado do teléfono, está comprometida pola falta de aire, "a mellora é pouca, nalgúns casos é empeoramento", explica Nuria que agora ten 45 anos e lembra que "en cuestión de dúas horas a vida cambioume. Tanto que me costa recoñecerme. Parece que teño 20 anos máis".
Afectación da memoria, dores articulares, dor de boca, perda de pezas dentais. Son só algúns dos síntomas que padece Nuria, quen retomou o seu traballo como autónoma. Porén, hai días que non pode. De feito conta con apoio, xa que "sería inviable facer todo eu soa".
Antes de rematar a chamada, desexámoslle a Nuria que, ogallá, a próxima vez que falemos, estea recuperada. Vidal interrompe "eu tamén, pero bueno, de momento non quero augurar nada. Simplemente que o día a día poida ser o mellor posible. Non podemos vivir enganados". Precisamente, aprender a vivir co que nos toca, lidar coa enfermidade é unha das cousas coas que traballan na Unidade Multidisciplinar Post-COVID á que asiste. Nesta unidade traballa a enfermeira Belén Rodríguez, quen lembra que a COVID persistente "non ten cura, damos estratexias para xestionala". Rodríguez lembrar que unhas 250 persoas na provincia de Ourense están diagnosticadas con esta enfermidade.