A Audiencia Nacional saca a subasta o Aparthotel de Corcubión
O establecemento pertence a José Álvarez Otero, exsarxento do posto corcubionés e encarcelado nunha operación antidroga
Corcubión
A Audiencia Nacional vén de sacar a subasta o Aparthotel situado na praia de Quenxe de Corcubión. Segundo informa "El Confidencial", iníciase así o proceso para reclamar a multa de 1.800 millóns de euros imposta a José Álvarez Otero, exsarxento da Garda Civil e comandante do posto de Corcubión, condeado en 2018 por narcotráfico. Entre as moitas propiedades de Álvarez Otero está este Aprtahotel de Corcubión, arrendado a día de hoxe e valorado en 540.000 euros nunha poxa que estará aberta ata o luns 4 de marzo.
Álvarez Otero foi detido na Operación Espartana, en agosto de 2012, cando se atopaba destinado en Estella (Navarra). O apresamento tivo lugar en Corcubión, xa que segundo os investigadores, solicitara unha baixa para trasladarse á Costa da Morte para asegurar o desembarco dos máis de 2.700 quilos de cocaína que viaxaban no mercante Nikolay Varna. O buque foi abordado na costa de Cádiz, cerca do Estreito de Xibraltar, cando navegaba rumbo a Galicia. Segundo consta da sentenza, Álvarez Otero "tiña a potencial capacidade para coñecer tanto os lugares de alixo na costa, como os movementos e actividades das forzas policiais encargadas da represión do narcotráfico, motivo polo que era o encargado de coordinar o operativo criminal tendente a dotar de seguridade á ilícita actividade preparada». Foi condeado a 15 anos de cadea, rebaixados a 12 polo Tribunal Supremo.