Hoy por Hoy Baixo MiñoHoy por Hoy Baixo Miño
Ocio y cultura

Tomiño celebra o Día de Rosalía con música, arte e literatura

O Concello conmemora o nacemento da escritora con varias actividades para todos os públicos

Cartel de actos polo Día de Rosalía en Tomiño

Tomiño

Tomiño prepárase para conmemorar un ano máis por todo o alto o Día de Rosalía. O Concello prepara para o vindeiro 23 de febreiro, data do nacemento da escritora, unha morea de actividades abertas a todos os públicos que busca achegar á veciñanza a vida, a obra e a historia da escritora galega máis universal.

Para conmemorar esta data, o Concello vai difundir nas redes sociais e na web municipal un vídeo realizado polo grupo de voluntariado da OMIX coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escrito por Carlos Callón. Un vídeo editado por Isaac Tafuca que recollerá o amor de Rosalía pola patria galega e o devir dunha moza de pouco máis de 20 anos que hai século e medio coas súas verbas mudou a historia.

A actividade cultural continuará esa mesma tarde no Mercado Municipal de Tomiño, no que a partir das 19:00 horas, o grupo Saraghallada lerá poemas musicalizados de Rosalía de Castro nunha actuación de balde aberta a todos os públicos. Será durante o encontro cando se repartan as bolsas de tea coa imaxe gañadora do concurso de deseño organizado polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía. Unha creación inspirada na propia autora ou na súa obra que permitirá ao seu autor ou autora gañar 100 euros para gastar na libraría tomiñesa que escolla.

Un ano máis, o Concello, mecenas da Casa de Rosalía de Castro, repartirá exemplares dos manteis de ‘Caldo de Gloria’ entre os comedores dos centros educativos. Os bares e restaurantes tomiñeses ou os veciños que desexen contar con eles poden solicitalos e recollelos nas Oficinas Xerais da Casa Consistorial. Trátase dunha iniciativa inspirada no poema ‘Miña casiña, meu lar’ na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que relata a épica diaria da supervivencia.

Por outra banda, durante todo o venres 23 as librerías tomiñesas ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros escritos por Rosalía ou aqueles publicados sobre a autora.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00