O goberno de Corcubión estuda establecer unha taxa turística
O alcalde confirmou no Pleno Aberto de Radio Nordés que terán orzamento no primeiro trimestre do ano
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Pleno Aberto con Javier Domínguez alcalde de Corcubión (17/01/2024)
Corcubión
Xabier Domínguez “Drok” asegurou este mércores no Pleno Aberto de Radio Nordés que estuda establecer unha taxa turística, que podería ser dun euro. A día de hoxe xa se superan as 600 camas para uso turístico no concello entre hoteis, pensións e Vivendas Turísticas, esta gran cantidade de visitantes encarece os servizos e dificulta o control de tráfico ou a recollida de lixo. Segundo o rexedor para poder ofrecer uns servizos básicos de cualidade aos visitantes e a poboación local é preciso aumentar os ingresos municipais, por este motivo no goberno están buscando a mellor formula para facelo. Drok asegurou tamén que seguen adiante coa idea de peonalizar varias rúas, a idea é empezar por facelo nas fins de semana a partir deste verán.
O alcalde quere ter listo un novo orzamento no primeiro trimestre do ano, está prorrogado o do 2021, afirmou que a alta carga de traballo que deixou pendente o anterior goberno impide ter listas as contas antes. Segundo Domínguez outro ámbito no que non estaban as cousas feitas correctamente é no SAF, asegura que se atoparon irregularidades no servizo poñendo en perigo a continuidade do mesmo. Respecto ao centro de día está pendente de reunirse con persoal do consorcio para tratar de abrilo, consciente de que non é unha tarefa doada.
O rexedor corcubionés segue defendendo que é preciso darlle máis competencias á mancomunidade, compartindo servizos como o do guindastre de vehículos, Policía local ou mesmo os gastos da piscina de Cee.
Con respecto á recollida do lixo e a adecuación á nova normativa europea para xestionar o contedor marrón de residuos orgánicos están estudando varias posibilidades coa intención de que supoña o mínimo incremento do gasto para as arcas municipais.
Drok falou tamén do proxecto do porto mixto, ten a esperanza de que un novo goberno na Xunta sexa máis receptivo, axilice trámites e destine os cartos necesarios para a súa construción, considera que é unha débeda histórica coa localidade e está convencido de que será bo para toda a comarca.
Outro dos proxectos nos que traballan ten relación cos solares da antiga salgadura preto da praia de Quenxe, considera que a SAREB tería que devolvelos ao non destinarse xa á finalidade para a que foron cedidos de maneira que o concello poda recuperalos e darlle uso.
Por último o alcalde agradeceu o traballo das persoas que o ano pasado se puxeron á fronte da organización do Mercado Medieval, confirmou que continuarán este ano e ofreceu o apoio do goberno local.