O Concello de Muros e a aseguradora do "Toconao" traballan na limpeza das praias
Colaboración pioneira para retirar o granulado dos areais muradáns

As praias do concello de Muros son o escenario dunha iniciativa novidosa / Lavandeira jr (EFE)

Muros
O Concello de Muros puxo onte en marcha un plan de limpeza en colaboración coa empresa aseguradora do buque "Toconao", causante do verquido de pélets que enche os areais do país. O acordo chegou logo de que un representante legal da aseguradora se puxese en contacto con concello muradán. "Pedinlle colaboración porque os medios que temos para limpar as praias son escasos" recoñecía esta mañán nos micrófonos de Radio Nordés Cadena SER María Lago, alcaldesa de Muros.
Dende onte martes os traballos xa son evidentes na praia de Area Maior por "unha empresa (de Vigo) que coñece a zona e ten experiencia nestes traballos". O acordo supón a contratación de 18 persoas da propia vila. "A maior parte dos operarios buscáronos no concello, en Protección Civil, voluntarios e Confraría. Para eles é maís facil collelos aquí que traelos dende Vigo" explicaba a rexedora.
María Lago espera que con este acordo as praias muradás poidan estar en condicións á maior brevidade posible. "O que máis nos interesa e solucionalo canto antes e que o dano sexa o menor posible" confesaba no Vivindo a Costa da Morte. Esta é unha iniciativa pioneira feita á marxe do goberno autonómico. "Dende a Xunta vén algún operario de Tragsa a retirar o material apañado polos voluntarios. A comunicación co Concello dende a Consellería de Mar foi bastante escasa". Unha falta de sintonía que non supón nestes momentos un tema prioritario para a alcaldesa, xa que "o que me importa é solucionar o problema. Para outras guerras haberá tempo". Iso sí, para ampliar a experiencia de Muros a outros concellos afectados polos pélets a alcaldesa considera imprescindible o papel da administración autonómica. "Entendo que a Xunta podería coordinar esa axuda con eles. Coa afectación que hai agora o ideal sería unha coordinación por parte da Xunta".
Os traballos de limpeza do verquido "estanse facendo con respeto polo entorno. A responsabilidade é da naviera pero é de agradecer que se fagan responsables, que noutros desastres se desentenderon totalmente" recoñece a rexedora. "A chegada de pélets vai en aumento. Coa marea veñen máis pélets. Area Maior é a zona cero e a máis complicada, pero xa estudamos o acceso ao resto de praias" recoñecía a alcaldesa cando, segundo as previsións, se espera unha chegada masiva de granulados durante a fin de semana.