A explotación sexual, no punto de mira dos "Cafés en Igualdade" do Rosal
O Concello pecha este ano o programa cunha charla o vindeiro xoves 28 de decembro ás 17.30 horas no Nenza Xida
O Rosal despide o ano cunha nova cita cos seus "Cafés en Igualdade", un espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar sobre temas de interese de xeito cómodo e distendido, ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal. Un novo encontro que permitirá afondar da man dunha experta nunha temática que preocupa á sociedade actual: a prostitución.
A socióloga, profesora e directora da Unidade de Igualdade de Oportunidades da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, dará unha interesante charla sobre a explotación sexual, debuxando para todas as persoas asistentes un completo mapa desta problemática social que mantén a España como o país de Europa como maior demandante de prostitución.
A cita será o vindeiro xoves 28 de decembro ás 17.30 horas na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario. O Concello do Rosal pon en marcha en diferentes épocas do ano estes "Cafés en Igualdade" co obxectivo de ofrecer un balón de osíxeno ás familias rosaleiras, creando un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para abordar temas de especial interese para a sociedade.
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.