Tomiño completa a transformación do Campo da Feira
O Concello investiu preto de 220.000 euros para converter a contorna nun lugar que favoreza a actividade física e as relacións interxeracionais
Tomiño
Tomiño continúa dando pasos na recuperación do espazo público. Neste camiño, o Concello completou a transformación do Campo da Feira nunha área moderna coa creación dun espazo de referencia da actividade social e saudable, xerando un lugar de encontro xuvenil no que se fomentan as relacións interxeracionais, a actividade física, a promoción dos hábitos de vida saudables ou o comercio local.
“O espazo público é un dereito de todos os veciños e veciñas e con este novo proxecto transformador seguimos traballando nunha senda que comezamos a trazar xa no 2010 con diferentes actuacións por todo o concello”, explicou a alcaldesa, Sandra González. O obxectivo era completar a integración do Campo da Feira no núcleo urbano de Tomiño, mellorando a súa accesibilidade e tecendo espazos públicos que favorezan o paseo, o lecer e a convivencia e convertendo unha zona marxinal e pouco utilizada nun verdadeiro pulmón verde, epicentro da actividade social xuvenil do municipio.
A través desta actuación o Concello creou unha contorna saudable no interior do parque do Campo da Feira, eliminando barreiras arquitectónicas e propoñendo un lugar totalmente accesible coa creación de espazos para realizar actividade física ao aire libre. Así, dotouse unha área para a práctica de skate; deseñouse unha área de xogos activos para fomentar a autonomía, coordinación e as habilidades sociais de nenos e nenas e instalouse unha mesa para desfrutar dunha modalidade deportiva diferente: o futtoc.
O novo tapiz verde de céspede permeable serve de escenario para o xogo e as actividades impulsadas dende a OMIX de Tomiño e o novo mobiliario urbano permite unha estancia confortable para as persoas maiores, con mesas e bancos para a práctica de xadrez ou outros xogos baixo a sombra de árbores centenarios. A mellora da iluminación garante ademais a seguridade do espazo.
O Concello investiu case 220.000 euros na transformación deste espazo, nunha actuación financiada con fondos europeos NextGenerationEU a través dunha liña de axudas para a realización de accións destinadas á promoción de vida saudable ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia convocadas desde o Ministerio de Sanidade coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).