O MARCO volve abrir as portas do Espazo ANEXO transformado no "Laboratorio das Artes" de Vigo
O Museo dá a coñecer a súa Programación Didáctica, con actividades programadas para o derradeiro trimestre do ano
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/FUXGXXPJZBDPHECKHJOBAEYKAM.jpg?auth=6645401707f756f2fda289a880690a0dd7562dc8cef4e5a88e8195fc1347d525&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Espazo Anexo do MARCO de Vigo
![Espazo Anexo do MARCO de Vigo](https://cadenaser.com/resizer/v2/FUXGXXPJZBDPHECKHJOBAEYKAM.jpg?auth=6645401707f756f2fda289a880690a0dd7562dc8cef4e5a88e8195fc1347d525)
O Museo MARCO de Vigo presentou esta semana a programación da Área de Didáctica correspondente ao trimestre de outubro a decembro de 2023. A novidade principal deste ano é a remodelación e acondicionamento do Espazo Anexo como novo "Laboratorio das Artes". Neste espazo se desenvolverá un programa estable de actividades dirixidas a públicos diversos.
O "Laboratorio das Artes" do Espazo Anexo
As obras de reparación e acondicionamento do Espazo Anexo do MARCO de Vigo leváronse a cabo entre os meses de febreiro e setembro desde ano. A acometida das obras foi posible grazas ao programa Vigo Emprega do Concello de Vigo e con elas se realizou unha actuación co obxectivo de desenvolver a programación prevista pola área de Didáctica do MARCO.
Tendo en conta as características dos públicos destinatarios, que son principalmente grupos de escolares, persoas maiores, público infantil, familias, asociacións e colectivos con necesidades específicas, o proxecto puxo especial atención nas condicións de accesibilidade, comodidade, funcionalidade e carácter versátil do espazo, de cara aos usuarios e ao persoal técnico a cargo das actividades.
Tal e como se detalla na Memoria Técnica Descritiva das Obras, as actuacións incluíron a reforma e substitución das portas de acceso, a impermeabilización da fachada e do interior, a mellora das condicións de ventilación do espazo, a substitución de sistemas de iluminación por equipos de alta eficiencia enerxética, a revisión integral e posta en funcionamento do sistema de climatización e renovación de aire, a ampliación da zona de almacenaxe e servizos, e a mellora do xardín lindante, entre outras.
Dende o punto de vista estético, respectouse ao máximo a imaxe orixinal do inmoble tal como foi concibido no proxecto arquitectónico inicial, tanto no que se refire ao exterior do edificio e a súa conexión co seu ámbito, coma na elección de materiais e medios técnicos nas obras do interior.
Nos últimos anos, a área de Didáctica do MARCO, baixo o lema “MARCO inclusivo”, reforzou e ampliou a súa oferta co obxectivo de identificar necesidades, crear recursos, facilitar espazos e instrumentos para a inclusión, e chegar a públicos diversos. Todas as actividades son gratuítas, previa inscrición, ata completar a capacidade establecida para cada programa.
Programas e visitas ao Espazo ANEXO
Visitas e obradoiros escolares, do martes 10 outubro ao venres 22 decembro, de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00.
A experiencia cos grupos de escolares, dos máis numerosos entre os colectivos destinatarios, consiste nun percorrido polas salas de exposición, e unha actividade-taller relacionada, especialmente adaptadas a distintas idades, con contidos diferenciados para educación infantil, primaria e secundaria/bacharelato.
Visitas e obradoiros para grupos con necesidades específicas, do martes 10 outubro ao sábado 23 decembro, con horario á medida, adaptado ás necesidades de cada grupo.
Actividades en torno ás exposicións temporais e outros contidos relacionados coa creación contemporánea, dirixidos a colectivos, asociacións e grupos con necesidades especiais.
Actividades para público infantil, do sábado 14 outubro ao sábado 23 decembro, con horario os sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 13.45 (de 7 a 12 anos).
Actividades en torno ás exposicións temporaise outros contidos relacionados coa creación contemporánea, dirixidos a público infantil e familiar.
Visitas e obradoiros en colaboración con AFAGA, dende o martes 24 outubro ao martes 19 decembro, con horario os martes de 16.00 a 17.30 (sesión preparatoria) e de 17.30 a 19.00 (obradoiro).
Programa de obradoiros en cooperación con AFAGA Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, destinado a persoas maiores afectadas de Alzheimer e público infantil que participa habitualmente nas actividades didácticas do Museo. A partir deste contacto interxeracional, experimentamos o poder da arte como vía de socialización, como reflexión individual e grupal, e como ferramenta terapéutica.