Aparece o cadáver dunha muller en Ponteceso
O corpo sen vida foi atopado na praia de Niñóns. Trátase dunha veciña de Corme Aldea

Praia de Niñóns, Ponteceso

Ponteceso
O cadáver dunha muller duns 50 anos foi atopado esta tarde na praia pontecesá de Niñóns. A vítima é unha veciña de Brantuas, inda que nacida en Corme Aldea. O aviso da súa aparición fíxose a media tarde, ao redor das seis, sendo un particular o que deu a voz de alarma ao avistar o corpo sen vida. A muller estaba fóra da auga, na area, pero os servizos mobilizados só puideron decretar a súa morte.
As forzas de seguridade iniciaron xa a investigación para aclarar as causas da súa morte. De entrada non se descarta ningunha hipótese e posiblemente será a autopsia a que aclare as circunstancias que rodean este suceso luctuoso.