Lourenzá celebra a súa Festa da Faba con moita xente, pero pouco produto
A XXXI Festa da Faba de Lourenzá pecha con éxito na parte festiva, pero os produtores enfrontan unha colleita baixo mínimos polas altas temperaturas
Repaso á XXXI Festa da Faba de Lourenzá, marcada pola forte baixada da produción
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
Éxito de afleuncia na Festa da Faba de Lourenzá, que celebrou a súa trixésimo primeira edición con novidades coma o Faba Fest. Foi un dos puntos fortes da programacion deste ano, segundo o concelleiro de cultura, Manuel Arango, que asegura que "estivo a tope". Tamén destaca o recordo que tiveron do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas, Fernández del Riego. En Lourenzá non quixeron deixar pasar a oportunidade de recrear, a través do actor Xulio Leal, o pregón que o escritor recitou hai 25 anos para inaugurar a cita.
De todo isto falou no Hoy por hoy Lugo, onde Manuel Arango desvela tamén sobre o segredo do éxito do faba de Lourenzá, que "absorve o sabor de todo o que lle botes". Ademais repasamos os mellores acompañamentos para un dos produtos estrela da Mariña lucense e falamos cos produtores, que recoñecen estar preocupados pola baixa produción que tiveron este ano.
Este ano a faba esgotouse moi rápido, pola pouca produción que houbo
No aspecto festivo o balance é moi positivo. Tamén para os produtores, que celebran a cantidade de xente que acudiu, axudada polo bo tempo que deixou a fin de semana. Pero as altas temperaturas que animaron a veciños e visitantes a acudir á cita son as mesmas que mermaron a cantidade de faba que houbo á venda nos stands. Para eles a festa remata con sabor agridoce: esta ano a colleita reduciuse á metade do habitual. Ángel, de Fabas Maruxa, explica nos micrófonos de Radio Lugo que é moi difícil atopar faba, sobre todo verde, porque as altas temperaturas e o sol fan que seque no campo e demóstrao alegando que "a mediodía do domingo xa vendera todo o xénero, e os meus compañeiros tamén".
Nesta edición da Festa da Faba o prezo subiu entre un e dous euros, pero "en ningún caso compensa a caída tan grande da produción que tivemos", asegura Pepe, da Cooperativa Terras da Mariña. Para el este ano trátase de "sobrevivir, e evitar perdas", pero pronostica tamén que hai explotacións que o van pasar mal porque non van poder cubrir gastos. "Isto pon en cuestión a viabilidade da produción de cara o futuro", sentencia.
A pesar de todo o balance da data é positivo, e amósanse satisfeitos pola resposta que tivo a xente ante a subida do prezo. Entenden que non gusta, pero aínda así quixeron levala para a casa e mesmo esgotaron as existencias porque "a calidade da fama de Lourenzá segue sen ter comparación, e ninguén quere quedar sen ela".