"Teatro do Ar" e o Concello de Nigrán incorporan o Teatro para Maiores coma unha das súas actividades municipais
O obradoiro desenvolverase de outubro a xuño cun custe total de 25 € e está dirixido exclusivamente a maiores empadroados no municipio co obxectivo de fomentar as relacións sociais, o exercicio e a memoria


O Concello de Nigrán suma á súa oferta cultural específica para maiores a actividade de teatro. Por vez primeira no municipio, ofrécese un novidoso curso desde outubro e ata xuño dirixido específicamente á veciñanza maior de 60 anos e/ou pensionistas xubilados.
O custe total é de 25 € e desenvolverase a cargo do grupo local Teatro do Ar os luns no Centro da Terceira Idade da Ramallosa de 17:30 a 19:00 horas. As persoas interesadas poden apuntarse na Oficina de Información Cidadá do Concello a partir do xoves 28 de setembro, distribuíndose as 15 prazas por rigorosa orde de inscrición.
“Durante todo o ano ofrecemos desde o Concello diferentes cursos de ‘envellecemento activo’ e agora sumamos este como actividade municipal específica porque está demostrado que está moi indicado para facilitar a integración social, a memoria e mesmo a mobilidade” , explica o alcalde, Juan González. “Compre destacar que os maiores son, precisamente, o público que máis acude ao teatro cada vez que o Concello ofrece funcións no Auditorio·, explica a edil de Maiores María Mayán, quen recoñece que foron eles mesmos os que demandaron esta actividade deseñada ex-profeso para súa idade. “Non poden ser textos longuísimos, pero si pezas curtas que poidan memorizar fácilmente, estarán exercitando o corpo e a mente dunha forma lúdica e creativa á vez que socializan”, engade sobre esta iniciativa pioneira.
Precisamente, o director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, destaca tamén os beneficios do teatro para a saúde e engade que tamén se trata de atopar “talento agochado entre a terceira idade” e de que comprendan que “hai moitos límites que todavía se poden superar”.
O obxectivo é establecer esta actividade de xeito permanente e que culmine cada curso cunha representación teatral. Paralelamente, o Concello continúa a ofrecer a actividade de teatro para toda a poboación a través da Escola Municipal de Teatro creada no ano 2022 e dirixida, precisamente, por Teatro do Ar; igualmente, e específicamente para maiores, o Concello seguirá ofrecendo os clásicos cursos de envellecemento activo que se inician cada ano de xaneiro a decembro e que comprenden ‘Vivilo Corpo’, ‘Informática’ e ‘Memoria’.