Unha "taxa turística" para acceder ao Cabo Fisterra
A alcaldesa, Áurea Domínguez, medita establecer a medida para sufragar o mantemento e regular o tráfico

A beleza do Cabo Fisterra atrae a visitantes de todas as procedencias / Luis Cagiao

Fisterra
Non hai unha medición exacta que o corrobore pero case por consenso se dá por bo o dato de que o faro Fisterra é o segundo lugar máis visitado de Galicia, só por detrás da Catedral de Santiago. Sexa segundo no ránquin ou non, o que é incuestionable é que o entorno do Cabo Fisterra é un espazo visitado de xeito masivo, especialmente nos meses de verán. O acceso en coche ata prácticamente o edificio do faro provoca situacións difícilmente xestionables para un concello de recursos limitados e que en verán multiplica a súa poboación de xeito exponencial. Por iso, o desexo da alcaldesa fisterrá Áurea Domínguez, é limitar esa circulación e establecer algún tipo de taxa que axude a manter un dos lugares máis emblemáticos da Costa da Morte.
Á espera de dar forma ao plan, a intención é establecer algún tipo de control na estrada do faro, impedindo o libre acceso en coche. A medida non sería de aplicación aos propios veciños e veciñas de Fisterra, aclaran dende o concello. A partir de aí está aberto o debate sobre cal pode ser a mellor opción. Por unha banda está a alternativa de cobrar por permitir subir ao faro co coche, un modelo similar ao que xa existe en Santa Trega, en A Guarda. Outra posibilidade sería esablecer "aparcamentos disuasorios" na vila e que os visitantes paguen por algún servizo que actúe de lanzadeira ata o faro.
A idea non desagrada ao principal partido da oposición. No PP consideran preciso reflexionar sobre como implementar a medida, pero lembran que a idea non é "nada novo". Segundo Luis Insua, voceiro popular, "no Plan Especial Director do Monte Cabo xa se contemplan este tipo de actuacións, pero require inversións e habilitar espazos de estacionamento. Non é cobrar para recaudar. Non é dicirlle aos turistas que paguen, que suban e que aparquen onde haxa un oco. Hai que desenvolver o plan. Mirar polo estacionamento, seguridade...".
Por parte do BNG tampouco se opoñen a poñer en marcha algunha medida que regule o acceso. "Estamos dacordo" aseguran os nacionalistas, lembrando que non é a primeira tentativa de ordear o espazo do faro. "Xa foi aprobada unha ordenanza para cobrar polo estacionamento no faro pero aí quedou." recorda Kuka Sar, voceiro do BNG. "Habería que mirar onde e como facer os aparcamentos no faro, porque o Cabo é BIC (Ben de Interese Cultural) e precisa os permisos pertinentes de Patrimonio" puntualizan dende o Bloque. O debate está servido, con 9 meses por diante para darlle forma á medida e non repetir o vivido nos últimos veráns.