A semana de Francisco Sánchez en Tui
Tres conferencias e unha exposición centrarán as actividades na recta final do mes de setembro
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/C2P5JAVFYVGLHMJDQWVCMZLHME.png?auth=cca3997ff7816be869b4641aab86bd148dd2f6f3a2f025f4d51a7ad60e7a7072&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Ciclo de conferencias sobre la figura de Francisco Sánchez en Tui
![Ciclo de conferencias sobre la figura de Francisco Sánchez en Tui](https://cadenaser.com/resizer/v2/C2P5JAVFYVGLHMJDQWVCMZLHME.png?auth=cca3997ff7816be869b4641aab86bd148dd2f6f3a2f025f4d51a7ad60e7a7072)
Tui
O médico e filósofo tudense Francisco Sánchez vai centrar un ciclo de conferencias e unha exposición nos vindeiros sete días en Tui, unhas actividades que a súa vez forman parte do programa ‘Setembro Xudeu en Tui’ e que coinciden co cuarto centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse.
Sánchez naceu en Tui no ano 1550 e tivo de fuxir pola condición de “cristiáns novos” (descendentes de xudeus recentemente bautizados) cando era mozo, foi o autor dunha obra filosófica, “Quod nihil scitur”, que constitúe unha obra referencial do pensamento europeo do século XVI. Dedicándolle este ano 2023, o Concello de Tui busca a divulgación da súa figura, obra e transcendencia, polo que organiza este pequeno ciclo de conferencias arredor da súa vida e obra que terán lugar no edificio Francisco Sánchez.
Este mércores, 20 de setembro, ás 20:00 horas celebrarase a conferencia “A cidade de Tui na vida de Francisco Sánchez: entre a renovación urbana e a chegada dos xudeoconversos” por Suso Vila, historiador tudense de acreditada traxectoria na investigación especialmente no que atinxe á época medieval e á presenza de comunidades xudías e de cristiáns novos na nosa localidade.
O venres 22, a mesma hora, será a conferencia será “Francisco Sánchez médico” por Rosendo Bugarín, médico de ampla traxectoria e que ten investigado nos últimos anos sobre a obra médica do filósofo tudense e sobre a tese de doutoramento dedicada a Sánchez polo afamado médico tudense do século pasado, Darío Álvarez Blázquez. A próxima semana, o mércores 27, tamén ás 20:00 h a conferencia prevista leva por título “Francisco Sánchez, un tudense universal” por Laureano Alonso, profesor de latín e grego no IES “San Paio” de Tui e que ten abordado recentemente a tradución integra ao galego da principal obra filosófica do tudense.
Exposición na Corredoira
Paralelamente estes días será inaugurada no Paseo da Corredoira unha exposición divulgativa sobre o pensador tudense para contribuír á difusión da súa vida, obra e transcendencia entre veciñanza e visitantes. Finalmente a finais de setembro será inaugurada outra exposición de carácter máis amplo sobre o médico e filósofo e que será itinerante para contribuír á divulgación e coñecemento deste egrexio tudense e galego tan descoñecido. En novembro están previstas máis actividades para pechar o ano Francisco Sánchez.