Un comentario do alcalde de Muxía provoca a indignación de toda a oposición
Iago Toba preguntou pola vinculación dunha edil con bandas latinas


Costa da Morte
O pleno matutino celebrado este mércores en Muxía a petición do BNG e IxM empezaba ben, con consenso e aprobando por unanimidade case tódolos os puntos da orde do día. Non faltaron, iso si, os reproches do alcalde quen asegurou que as obras presentadas a pleno xa estaban aprobadas e que non tiña sentido a votación, criticando o gasto que a celebración do pleno supón para as arcas municipais.
No é habitual pero aínda sendo un pleno extraordinario abriuse quenda de rogos e preguntas e, aínda menos habitual, é que sexa o alcalde o que utilice a quenda para preguntar á oposición. Foi nese momento onde se volveu ás andadas, á crispación e ás malas formas da lexislatura pasada.
Iago Toba preguntou ao líder de IxM se a súa compañeira de grupo, Aurelia Picallo, pertencía a unha banda latina xuvenil. Javier Sar en radio Nordés cualificou este comentario de inaceptable e asegurou que estudiarán que accións tomarán ao respecto. O pregunta do alcalde muxiá provocou o abandono do pleno por parte da voceira do BNG quen asegurou que a actitude do alcalde non estivo á altura da dignidade que merece o cargo.
Pola súa banda a líder popular Sandra Vilela tamén cualificou as palabras do socialista como totalmente desafortunadas e fora de lugar e lamentou que dese xeito desvía a atención do verdadeiro problema, os insultos e faltas de respecto que sofren certos concelleiros por parte de persoas do entorno de IxM.
O alcalde, Iago Toba, asegura que preguntar non é faltar ao respecto e que a cuestión ía en referencia ao entorno de Independentes, asegurando que están a ter múltiples incidentes coa cidadanía.
Este mércores coñeceuse tamén a renuncia de Sofía López do seu cargo como concelleira. Levaba no pleno dende o 2019 e a baixa débese a motivos persoais.