Arrinca este martes a 12ª edición do Festival Primavera do Cine de Vigo
O certame cinematográfico decano da cidade celebrará a súa duodécima edición entre os días 5 e 10 de setembro


O Festival Primavera do Cine volve a Vigo a partir deste martes, apoiado polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o Instituto Camões. O certame celebrarase nas súas sedes habituais: o Auditorio do Concello de Vigo, a sede viguesa do Instituto Camões e o Museo MARCO, e nelas veranse as longametraxes e as curtas que están aglutinadas nas seguintes seccións: Céu em fogo, Charneca em flor, Denuncia do equilibrio e As moradías do vento.
Curtametraxes
A organización do festival destaca, nun comunicado, a variedade da programación, que se ve reflectida na selección de curtametraxes que abranguen xéneros moi diversos: ficción, documental, animación e cinema experimental.
A sección oficial conta con traballos de cineastas de longa traxectoria especializados no xénero da curtametraxe de ficción como Nani Matos, Alba Pino ou Fernando Tato.
O documental terá tamén un espazo preferente con curtametraxes que interpretan o xénero desde diversas perspectivas. Haberá presenza de filmes de temática político-social, indispensable na programación do Primavera do Cine desde a súa primeira edición. Serán estrea en España as curtas brasileiras Coleção antirracista: o mito da democracioa racial, de Val Gomes, e Pedro e Inácio, de Caio Dornelas.
Longametraxes
Na sección oficial de longametraxes haberá dúas estreas de carácter internacional: Meu amigo Lorenzo, de André Luiz Oliveira e De verdade queredes saber o que pensamos?, de Cris Lores.
André Luiz Oliveira é un clásico da cinematografía brasileira con máis de cincuenta anos de traxectoria, considerado un icono do cinema marxinal desde finais dos anos sesenta e premiado en múltiples festivais.
Cris Lores é un dos representantes máis destacados do novo Cinema Galego na súa vertente experimental. A súa obra é accesible únicamente en circuítos reducidos e polo tanto, a organización do Primavera do Cine, en verbas do seu director Alfonso Castaño, considera “un verdadeiro luxo e unha oportunidade única poder ver unha longametraxe súa”.
A sección oficial de longametraxes complétase con Liña de fuga, de Marta Blanco, un proxecto formalizado no Festival Linha de fuga de Coimbra que tamén aborda un discurso de vangarda, á marxe dos convencionalismos cinematográficos, e 10 de marzo, de Roi Cagiao: un documental que compón un díptico coa exitosa Vigo 1972 para analizar as folgas obreiras e os procesos políticos e sindicais que desembocaron no fin do réxime franquista.
Os filmes en sección oficial competirán por un premio do público e no caso das longametraxes por un premio do xurado, composto este ano por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación.
Actividades paralelas
Dentro das actividades que complementan a programación do festival ofrecerase unha conferencia impartida pola cineasta e investigadora Adriana Páramo: A Representatividade e representación das mulleres no Audiovisual Galego.
Por outra banda, o obradoiro de cinema expandido Proxecto Remolque coordinado por Cris Lores e Belén Veleiro: unha actividade de manipulación de celuloide en 35 mm apto para nenos e adultos.
Para inscribirse en calquera das actividades, só é preciso enviar un correo electrónico á conta primaveradocine@gmail.com. As prazas son limitadas e o acceso é gratuíto.