Sociedad | Actualidad

Pilar Señoráns: "son PTV bis, de Pontevedra de toda a vida e de Portas de toda a vida"

A presidenta da Asociación de Veciños de Santa María foi a encargada de ler o pregón que da inicio as Festas da Peregrina 2023

Pregón Peregrina 2023 - Pilar Señoráns

Pregón Peregrina 2023 - Pilar Señoráns

15:21

Compartir

El código iframe se ha copiado en el portapapeles

<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1691839250_569_cut/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

"Bo día a todos os que neste momento estades a escoitar estas palabras que vos dedico. Forasteiros, forasteiras, amigos amigas, familia, pontevedreses, pontevedresas, autoridades: Este saúdo está cheo de ledicia, estou orgullosa e honrada por ser invitada a dar o pregón das nosas festas este ano 2023 e dende este marco que hoxe se retoma despois de quince anos: A CASA CONSISTORIAL NA PRAZA DE ESPAÑA.

Dou as grazas a todos os que aquí estades e aos que confiastes e confiades en min e me considerastes axeitada, por “algo será” e “malo será” que non xermine en min ese desexo. Moitas grazas equipo municipal! A pequena historia deste pregón tratará de enmarcar parte do acontecido os últimos anos no centro histórico pontevedrés e poñelo en realce para deleite de residentes e visitantes.

Son consciente de que nas zonas antigas encóntrase a verdadeira historia dunha cidade e sensibilizar do grande valor patrimonial que temos e debemos conservar e un dos obxectivos deste pregón. Nomearei a tres persoas que xa non están con nós, estarán... no val de Josafat. de conversa entre os tres, seguro! Vou comenzar explicando que cando anunciei á miña familia a invitación de ser “a pregoeira” nestas festas, non sabía se fixera suficiente por esta cidade e deseguida comezaron a dicir accións varias das que case me esquecera, e que implicaron certos cambios na zona: Comparáronme cunha ran! “Es coma aquela ran que ao caer na nata e estares a pique de afogar nela, moveu e moveu a súas patas ata converter a nata en manteiga e acabar salvándose e saíndo croando.”

A pregoeira que vos fala nace nunha familia que fomentou sempre os valores humanos, no concello de Portas preto do límite co concello de Caldas de Reis, onde estudei nun centro relixioso ata os catorce anos. Daquela so había na vila a EXB, para facer o bacharelato había que trasladarse. Meus pais elixiron un centro relixioso en Vigo, no que estiven só uns meses e xa me vin a Pontevedra onde tiña familia directa. Estudei no Instituto Valle Inclán, daquela estaba no edificio de ladrillos vermellos na avenida de Montero Ríos; o actual estaba sufrindo unha intensa restauración. Posteriormente estudei na antiga Escola de Maxisterio.

Aos vinte anos era “mestra”, nome que eu nunca cambiaría por profesora e un termo que abarca moitos campos a traballar e ilustrar, tanto a nivel pedagóxico coma afectivo... Recordo o profesorado da época con moito cariño, con algún deles traballei anos máis tarde en varias accións educativas, pois estiven a exercer a docencia varios anos na nosa vila pontevedresa o que alternei coa realización doutros estudos. Sempre digo con moita broma : “Eu .. son unha PTV bis, para aquelas persoas que descoñezan estas siglas significa ser de Pontevedra Toda a Vida; na miña casuística permiten dúas opcións Portas Toda a Vida e Pontevedra Toda a Vida... cousiñas de Pontevedra... que a fan deferente, acolledora e “...dá de beber a quen pasa”.

Son católica practicante e cóntovos que a parábola do “trigo e o xoio” sempre me gustou moito. Entendo que existe o ben e o mal en todo na vida, pero cunha boa estratexia pode conseguirse moitas boas cousas. Non se deben cortar as herbas malas pois crecerían máis fortes, mellor deixar que medren coas boas e o ver a diferenza, arrincalas é o máis doado. Tratar de arranxar é mellor que romper ou cortar en moitas cousas que acontecen. Penso que debemos ter diferentes “cultivos”, actividades, amizades... e se un non dá froito podemos nutrirnos doutro, desa maneira nunca teremos fame. Refírome á “fame afectiva”, claro.

Non me decanto por unha tendencia de ideoloxía para sempre e sinto que moitas veces é unha cuestión xeográfica, de onde naces, do que vivas e da realidade que padezas. Na miña xuventude tiven a oportunidade de estar nun campo de traballo organizado por o Ministerio de Educación co Goberno de Checoslovaquia antes da Perestroika, polo que existía o muro de Berlín. Onde nós tiñamos a residencia na cidade de Chomutov se pasabas á zona prohibida podías ter un grande problema. A verdade é que as vivencias durante ese mes, xunto con outras que apreciei nalgún outro país en temas de ideoloxía política, económica e relixiosa, fíxome pensar moito. Xordania no Mar Vermello preto de Palestina, tamén outras “liortas”, apreciei como estaba Siria, vivín a situación de Cuba. A miña conclusión é que podes ter unha tendencia ideolóxica pero dependendo do momento e da situación pola que se atravesa, a ideoloxía pode e incluso en ocasións debe mutar, sen embargo a persoa sempre permanece, a PERSOA e a súa bondade é o importante.

Recordo o conto “A bela e a besta “ contado ao meu fillo, cando a besta que era tan boa se transformou en príncipe case nos provocou tristeza. O casarme non me impediu marchar da miña cidade, aquí nos asentamos. Sempre na zona máis valorada e querida por min a zona antiga e monumental. Primeiro na rúa Maceda, alí vivín moi preto do Parador, o que deleitaba a miña mirada, aquelas pedras, os xardíns... Despois na praza da Verdura, coñecín a Clara Aldán, moitos, especialmente os informadores saben quen é... O traslado a residir no Campiño de Santa María no ano 1980 foi moi bonito; estaba acabado de restaurar, vivíase ben, pero... volta a manifestarse outra cara da movida xuvenil, parecía que “alí onde eu estaba a movida levaba”.

Demandabamos axuda pero era o comenzo e nós sabiamos moi ben coma actuar. Dous veciños fomos dar a coñecer a situación que estaba a empezar nunha reunión primeira co Gobernador Civil daquela época sobre o ano 1985, os mercados non legais de sustancias nocivas para a saúde facían a súa aparición. Uns anos máis tarde constituíse a asociación de veciños “Santa María” polo ano 1993. Cómpre salientar as accións dos primeiros presidentes e as súas directivas, traballaron moito con actividades creativas, para erradicar a movida do momento, dando o seu froito. De novo aparecía outra cara da movida, O Botellón. O ano 1999 entra a directiva que eu presido ata a actualidade. Era un tema dificultoso o que tiñamos por resolver: reunións, entrevistas, certames literarios para concienciar, sensibilizar para poder chegar a puntos de vista comúns.

Foi un labor minucioso, poñer de acordo os tres partidos municipais que gobernaban. Grazas á estratexia que marcamos dende a directiva e coa axuda de varios políticos municipais moi implicados e a nosa federación veciñal amiga, o resultado foi moi loado. A directiva tivo unha grande altura nese intre, debo e desexo destacar e nomear a figura do vicepresidente daquela: Pepe Castro, unido á asociación dende o comenzo. Apróbase a “ordenanza antibotellón”. Eu prefiro chamarlle “ordenanza de ocio ao aire libre”, levada a cabo polo goberno local, labor difícil para todos, e un exemplo de que o labor de equipo e fundamental. “D. Quixote contra os muíños de vento e loitando cos odres... pero... coa Igrexa topamos, amigo Sancho”. Cando espertamos na madrugada de agosto do 2007 algo máxico sucedeu... acontecía algo parecido á lenda de San Ero, co canto dun merlo.

Demandantes da restauración de rúas e canalizacións de servizos da zona, a día de hoxe poucas rúas quedan sen restaurar nunca paramos de loitar e sempre, en xeral, tivemos respostas. Ás veces hai que esperar pero somos conscientes de que a paciencia é unha das nosas virtudes e a maneira de pedir pola nosa parte nunca foi de maneira desagradable e ou impositiva, se non argumentada. Ás veces estamos cansos e caemos nos intentos, pero sempre nos levantamos e seguimos adiante, aí está a razón dos nosos logros, o apoio entre nós. A Real Basílica de Santa María, considerada coma a “Perla da Arte Galega”, merece unha mención especial pola grandiosidade que desprende para o Centro Histórico.

Dende o ano 1980 pertenzo a esta parroquia. Créase o grupo de Patrimonio Parroquial á chegada do noso párroco anterior D. Jaime, levando adiante a Restauración integral, colaborando moitos dos organismos oficiais, entidades privadas e donativos de persoas particulares. Destacar a axuda especial da antiga “Caixa Amiga”. O grupo de Patrimonio xunto co párroco actual estase a centrar noutras restauracións fachada principal, cristarías, retablos, capelas, contraportada, Cristo da Boa Viaxe...

Como remate quero dicir: Unha persoa pode destacar pero o que verdadeiramente é forte é o labor do equipo que ten detrás. Grazas directiva! Grazas grupo de patrimonio parroquial! Nestas festas, tanto visitantes coma residentes admirade o noso patrimonio pontevedrés, coñecer todos os recunchos que ofrece, sentir a maxia, da zona coas súas gárgolas, columnas, retablos pétreos, vistas a cidade... as pedras “vivas” que falan sen articular o que fai que a agarimemos, conservemos e nos sintamos orgullosos coma pontevedreses deste remanso, o noso Centro Histórico, do que eu estou namorada dende sempre.

Mira que namorarse dun centro... o Principiño diría... “persoa grande, es moi moi rara”, pero el sufría por unha rosa... decididamente un pouco raros somos. Non podo poñer fin a este pregón sen aludir a meu pai que seguro se sentiría moi orgulloso e vou poñer en practica o que me dicía e nos dicía a todos os fillos: “Nunca digas todo o que sabes porque o que di todo o que sabe moitas veces di o que non convén” e convén non facer moi grande este pregón e non dicir máis cousas.

Felicítovos a todos e dou por comezadas estas festas sendo visita obrigada feirear, pola zona antiga, pero brindade a “Mogollón” coa familia, cos amigos, pero non fagades “Botellón”. Recitaba meu pai nas festas: “auga cristalina e clara, nai de rans e de sapos onde se lavan os trapos, queres que te beba eu? Non. Viño tinto e a miúdo dese que beben os reis; a auga para os bois para criar cornos duros. Arriba, abaixo ao centro e para dentro Viva Pontevedra !"

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00