O Rosal cultiva música canción a canción con Brais das Hortas
Chegará co seu ‘Conssertasso na horta’ este xoves ás 20.30 horas á Praza de Martín. De balde
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/DMVUFD2K5BEQNOE4JJ4BIPRT74.jpg?auth=d8937e737e71869cd0006bac6cbcf863ee40313990bfb3411596de5f37204520&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/DMVUFD2K5BEQNOE4JJ4BIPRT74.jpg?auth=d8937e737e71869cd0006bac6cbcf863ee40313990bfb3411596de5f37204520)
O Rosal continúa cultivando música, diversión e lecer nos barrios. Este xoves chega á Praza de Martín ‘Conssertasso na horta’, unha viaxe pola horta musical de Brais das Hortas, polas súas loucuras e fantasías.
Canción a canción, rego a rego, un feixe de personaxes levarán ao público de excursión polos variados cultivos sonoros deste veterano e ecléctico músico, con cancións de músicas diversas coas que reivindicar con alegría e amor a vida e a rebeldía da horta.
As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo, o reggae. Os lagartos toman o sol entre as cenorias ao son dun tumbao e os kiwis non paran de brotar bailando ska. E tamén hai sitio para os sonos, como o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para sulfatar as viñas. Un sen fin de temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentos máis.
A actuación está dirixida a público familiar, con nenos e nenas maiores de 3 anos.
Será ás 20h30 con entrada de balde.