A contorna da igrexa das Eiras será máis accesible
As obras de recuperación desta zona de elevado valor natural e patrimonial dá prioridade ás persoas
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/LBQ26XIYPJA25GEKNWXLGYV4KQ.jpg?auth=d78c1c5b2969bb382d94e4e1fe0c118aa303c9255fd200031260d4567028b67c&quality=70&width=650&height=365&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/LBQ26XIYPJA25GEKNWXLGYV4KQ.jpg?auth=d78c1c5b2969bb382d94e4e1fe0c118aa303c9255fd200031260d4567028b67c)
O Concello do Rosal vén de rematar as obras de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, uns traballos enmarcados no proxecto de recuperación da zona de elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperando o patrimonio cultural e mellorando os accesos, camiños e sendas.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, enfatizou a importancia de continuar mellorando espazos, recuperándoos para as persoas, dando prioridade á accesibilidade e promovendo lugares propicios para a convivencia, a estancia e o lecer. “Queremos que O Rosal sexa un municipio acolledor, no que a veciñanza poida atoparse, compartir experiencias e desfrutar da contorna”, resaltou.
Mellora da accesibilidade
A mellora da accesibilidade da igrexa e da súa contorna deteriorada é o primeiro paso dun proxecto de transformación que incluíu as ideas e suxestións achegadas pola veciñanza. Nas obras empregáronse materiais de km0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloran a relación entre o medio e as persoas, con formas e cores inspiradas na paisaxe, mellorando a accesibilidade e difuminándose entre o patrimonio existente.
Durante os dous meses que duraron os traballos de transformación integral, na área intramuros achegouse a cota ata a entrada da igrexa cun amplo camiño que garante a accesibilidade e que supuxo unha gran mellora de toda a contorna, facéndoa máis amable e repoñendo os elementos que se atopaban en condicións deficientes. Melloráronse ademais as escaleiras e instaláronse bancos corridos que permiten xerar espazos de convivencia nas inmediacións da igrexa.
Intervencións respectuosas co medio
As intervencións realizadas mimetízanse coa contorna, xa que durante os traballos se empregaron materiais e vexetación propios desta zona en diálogo coa rocha existente, potenciando a súa presenza e mellorando a accesibilidade con espazos de reunión arredor da igrexa e cun camiño completamente accesible paralelo á fachada. En canto á vexetación, creouse un efecto verde perenne que compón a perfecta antesala á subida á Ermida da Madalena, cunhas sobreiras catalogadas como árbores senlleiras.
“Os traballos realizados na contorna da igrexa de San Bartolomeu son un exemplo máis de que cada paso que damos para a transformación integral dos nosos espazos busca dar prioridade ás persoas, xerando lugares de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e de lecer”, destacou a rexedora.