Ecoforest duplicará as súas instalacións en Porto do Molle
A empresa líder en xeotermia investirá 5’1 millóns de euros para sumar 11.000 m² de nave aos 13.000 actuais ante a inxente cantidade de pedidos

Planta de Ecoforest en Porto do Molle, Nigrán | Ecoforest

O Concello de Nigrán outorgou a semana pasada a licencia para que Ecoforest amplíe a súa nave en Porto do Molle en 11.000 m², prácticamente duplicando a superficie actual (13.000 m²). A firma especializada en sistemas de calefacción, climatización e agua quente sanitaria a partir de recursos naturais engadirá a súa macroplanta construída no 2018 unha gran nave para o deseño, desenvolvemento e fabricación de bombas de calor de xeotermia e aerotermia cun investimento de 5´1 millóns. Desde 2012 Ecoforest é o único fabricante español deste produto e o máis especializado en tecnoloxía inverter do planeta.
As obras para a ampliación comezarán de xeito inminente ante a cantidade inxente de pedidos que afrontan e suporá a contratación tamén de novos empregados cando estea lista, pasando dos 130 actuais na planta de Nigrán a practicamente o dobre.
"Porto do Molle non só significa novas posibilidades de emprego para os veciños de Nigrán, se non que o seu propio crecemento ordenado e sostible proporciona ao Concello os ingresos necesarios para levar adiante máis e mellores políticas sociais. Este parque empresarial é unha parte fundamental do desenvolvemento de Nigrán e un referente en innovación, I+D ou ecoloxía que representa a mellor imaxe dun municipio dinámico, moderno e emprendedor", sintetiza o rexedor. Sobre Ecoforest, destaca que no 2017 o Concello renunciou á compra da parcela inicialmente prevista para almacén municipal precisamente co obxectivo de facilitar a implantación desta empresa, “e o resultado, á vista está que non puido ser mellor para Nigrán, nós temos outro almacén noutra parcela e Ecoforest botou raíz neste lugar puidendo incluso ampliar”.
Precisamente, o Concello anunciou recentemente a concesión dunha licencia para a construción dunha residencia de maiores en Porto do Molle para 90 prazas, o que xerará 30 postos de traballo directos e a maiores, e o rexedor avanza a próxima concesión de licencia para un hotel de 45 habitacións na rúa das Pontes.
“Porto do Molle é unha área comercial e empresarial situada nunha contorna privilexiada desde o punto de vista paisaxístico e urbanístico. É un referente en toda España en termos de sostibilidade ambiental, deseño urbano e modernidade, un lugar con atractivos como a senda peonil do río Muíños que finaliza en Praia América, polo que resulta atractivo para infinidade de negocios”, considera o rexedor.