Perfil de Olaia Ledo | Unha nena que xogaba no camping entre os abrazos infinitos da súa nai
A candidata do BNG á Alcaldía de Narón responde a un test de dez preguntas para coñecer mellor as súas inquietudes e gustos

Olaia Ledo, candidata do BNG á Alcaldía de Narón (foto: BNG Narón)

Narón
Solidaria, positiva e dinámica, así se define a candidata do BNG á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo. As súa familia e amizades salientan dela que é unha persoa empática, xenerosa e traballadora. Ledo optará por segunda vez á Alcaldía coa motivación de cambiar o mundo desde Narón porque o que move á candidata nacionalista é acadar un mundo máis xusto.
Nesa liña, Olaia Ledo atopa a felicidade cando ve felices ás persoas que quere. Para ela, a felicidade tamén é que se garantan dereitos que fagan que a felicidade poida ser un ben da sociedade. Pola contra, esa felicidade desvanécese ante a inxustiza social.
Se a candidata do BNG tivera un orzamento ilimitado na Concellería de Cultura levaría a todas as parroquias e barrios de Narón parte das actuacións do Pazo. A súa proposta centraríase nunha oferta para todas as idades e pensando na cultura coma un dereito ao servizo do pobo.
Ledo ten claro que os lugares fannos as persoas que os habitan, por iso, o que máis lle gusta de Narón é a xente. E o que menos, di que a desatención no goberno de moitos servizos públicos que precisan de reforzo e inversión.
O magnolio, no paseo de Xuvia a carón de onde nace a ría, é o seu lugar predilecto da localidade. E se ten que saír de Narón, elixe a Costa da Morte. Las Sufragistas e Big Little Lies son a súa película e serie de referencia. ¿Un libro? Primavera con una esquina rota de Mario Benedetti e unha canción: Midas, de Tanxugueiras.
Agora que estamos preto de comezar un novo verán, a onde lle levan as lembranzas dos veráns da infancia a Olaia Ledo? Á súa nai e ao camping. Tempos moi felices da candidata nacionalista, que na súa memoria garda daquela época os abrazos infinitos que lle daba a súa nai.