Feira, música, deporte e moita solidariedade esta fin de semana no Rosal
O sábado 13 a Asociación de Comerciantes celebra un festival con concertos, mercado, actividades e sesión vermú
Fin de semana de grande actividade no Rosal, no que a música, o deporte e o comercio mesturaranse coa solidariedade na Praza do Calvario. O sábado 13 de maio a Asociación de Comerciantes do Rosal celebrará o seu Festival ACOR, unha xornada de lecer, convivencia e desfrute no que rosaleiros e rosaleiras poderán achegar o seu gran de area a favor da Asociación Española contra o Cancro.
A xornada comezará para as e os máis deportistas ás 09h00 co torneo de petanca no Tamuxe, que se disputará ao longo de todo o día e rematará ás 18h00. Ás 11h00 a festa comezará na Praza do Calvario coa Feira de Oportunidades para dar paso ás 13h00 á sesión vermú con música en directo con Terapia de grupo. Ao mediodía haberá almorzo solidario, xa que se doará parte do prezo do menú á Asociación Española contra o Cancro. As prazas son limitadas, polo que é preciso anotarse de forma anticipada.
Xa pola tarde, a veciñanza poderá divertirse co toro mecánico e os inchables dende as 15h30 cun novo concerto de Terapia de grupo ás 16h30. Xa ás 17h00 chega un dos pratos fortes, o II Concurso de Tortilla e o I Concurso de Tarta de Mazá, con importantes premios para as e os gañadores. Para participar será necesaria inscrición previa ata o día 12 de maio en Milar Teleson e no Estanco O Rosal.
Ás 20h45 a encargada de saltar ao escenario será a Agrupación Musical do Rosal, que conmemorará o seu 37 aniversario cun gran concerto cun espectacular repertorio que sorprenderá e agradará ao público. En caso de choiva, esta actuación musical trasladarase ao auditorio municipal. O fin de festa do Festival ACOR será a ritmo de DJ Kola a partir das 21h30.
Ao abeiro deste Festival, de todo o recadado nos locais colaboradores durante a xornada destinarase unha porcentaxe a beneficio da AECC. Un gran lazo verde preside a Praza do Calvario xa nestes días en conmemoración da gran festa solidaria organizada por ACOR.