Redondela celebra a XXXVI Festa do Choco recuperando as grandes verbenas e a Carpa de Degustación
Mantéñense as xornadas gatronómicas iniciadas na pandemia coa colaboración da hostalería do 8 ao 14 de maio


A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os representantes das asociacións e hostaleiros que participan na XXXVI da Festa do Choco presentaron este venres 28 as propostas e novidades deste ano nunha rolda de prensa na Praza do Concello: “Trátase dunha edición especial, na que recuperamos o formato tradicional, coa instalación da Carpa de Degustación e promoción no campo da Feira" explicaba a alcaldesa.
Esta edición conta cunha ampla programación cultural, na que o público poderá desfrutar de actuacións musicais, baile e actividades variadas, durante os catro días de celebración.
O programa de actividades de rúa arrinca o xoves 11 de maio coa orquestra Panorama no Campo da Feira ás 22h00. A inauguración das actividades gastronómicas comeza o día seguinte, venres 12 de maio, coa apertura da carpa de degustación ás 19h30 en horario continuo ata o peche. Ese mesmo día tamén haberá un concerto da orquestra de saxos na Alameda de Castelao ás 20h00 e unha actuación do Combo Dominicano no Campo da Feira ás 23h00. O sábado 13 de maio continúa a Carpa de Degustación no Campo da Feira a partir das 10h30 en horario continuo ata o peche. Es día súmase unha actuación de Airiños de San na carpa do Campo da Feira ás 12h30.
O sábado será o día que comecen os showcooking. O primeiro showcooking está liderado por David Couñago do restaurante Malasangue, tamén no Campo da Feira a partir da 13h15. O pregón do día 14 de maio estará a cargo de Eduardo R. Cunha “Tatán”, Andrés Xiráldez e Luis Borines, de Tanxarina, na carpa do Campo da Feira ás 12h30.