O Porriño fai un chamamento á adopción responsable de animais
A protectora de animais Os Biosbardos fará unha exposición no Centro Cultural Municipal


O Centro Cultural Municipal acolle ata o vindeiro 8 de maio a exposición da muralista e ilustradora Eva Casais, organizada polo Concello do Porriño en colaboración coa asociación protectora de animais Os Biosbardos.
A mostra está composta por 13 láminas realizadas a man en acuarela por Eva, que retratou a animais que se atopan en adopción na protectora e que ilustraron o calendario deste ano dos Biosbardos. Tamén se atopa a imaxe que puxo unha nota de cor nas instalacións da protectora de Ponteareas.
Ao mesmo tempo, as caras dos cans e gatos que buscan familia anegarán toda a vila, coas súas fotos e un código QR onde se atopa toda a información sobre como adoptalos se queres que formen parte da túa familia.
Con esta campaña o Concello do Porriño e os Biosbardos queren concienciar sobre as adopcións responsables e a importancia de dar unha vida feliz e rodeada de amor a estes animaliños.