A VII Carreira Noctura S4 de Nigrán bate o récord de inscricións
A proba celebrarase o vindeiro 7 de maio e contará coa séxtuple piragüista Olímpica Teresa Portela como madriña


Este venres 28 de abril presentouse a VII Carreira Nocturna Nigrán S4 prevista para o sábado 7 de maio no Concello de Nigrán. No acto estiveron presentes o director deportivo da proba, Serafín Martínez, de Noko 360; o impulsor desta carreira, Daniel Panteón, delegado de S4 no Val Miñor; o Ceo do Grupo S4 Corredoría de Seguros, Alfredo Blanco, así coma o Alcalde de Nigrán, Juan González.
Daniel Panteón lembraba durante a presentación o inicio deste evento no ano 2013, xa que “por esa época eu empezaba a correr e decateime de que en Nigrán, a miña vila, non había ningunha proba. Falei co Concello e déronme o seu total apoio”.
Serafín Martínez lembraba o percorrido, con “ gran participación da xente nova" e o atractivo que ten por “levarse a cabo nun circuíto tan bonito a beira de Praia América”. “Coma en anos anteriores, para os adultos, contaremos con 5 e 10 kilómetros”.
O alcalde nigranés, Juan González, participante habitual nesta carreira, asegurou que grazas a o traballo de todos, A Nocturna de Nigrán é xa un referente nas carreiras populares”. Congratulábase da cantidade de xente que se achegaba a Nigrán, “ nunha data fóra do calendario de verán, o que supón un orgullo”.
Resaltou tamén na presentación a paisaxe que se pode ver durante o percorrido, “inda que cando se sofre tanto coma min, ás veces non o apreciamos”. Finalizaba afirmando: “o 7 de Maio será unha data feliz, e iso é culpa de tanta xente implicada”.
Cabe destacar para esta cita a presenza de Teresa Portela, a piragüista de Cangas, embaixadora do Grupo S4, que ademais de ser madriña do evento, interactuará durante a tarde con máis pequenos.
A xornada deportiva dará comezo ás 20h30 coas distintas carreiras para a xente nova. Xa ás 21h30 será a quenda dos adultos con esas distancias de 5 e 10 km respectivamente. As inscricións estarán abertas ata a noite do mércores 3 de maio en www.nocturnanigrans4.com