A retrospectiva internacional do Festival de Cans estará dedicada a Valérie Massadian
A cineasta e fotógrafa estará presente en Cans para presentar os seus traballos, a meirande parte inéditos en España


A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio, contará coa presenza da cineasta e fotógrafa franco-armenia Valérie Massadian. O certame dedicaralle o Foco Internacional, cunha retrospectiva completa na que presentará as dúas longametraxes e sete curtametraxes, seis delas inéditas en España. Tamén participará na matinal do venres 19 de maio nun coloquio con outras realizadoras e realizadores galegos, dentro da sección “Café con Crea”.
Massadian, premiada nalgún dos festivais máis prestixiosos do mundo coma o Festival de Locarno, é autora dunha obra íntima e persoal, habitada por personaxes femininas dotadas dunha fortaleza única. A cineasta franco-armenia é unha autora radicalmente independente, partidaria de traballar con equipos reducidos e de borrar as fronteiras entre a realidade e a ficción, cultivando a confianza das persoas que se converterán nas súas personaxes.
A presenza de Valérie Massadian en Cans correspóndese coa liña emprendida nos últimos años polo festival de convidar a cineastas de prestixio internacional, cunha filmografía aínda en crecemento, e que tiveran experiencia previa no mundo da curtametraxe. Massadian súmase a outros realizadores que pasaron por Cans como o portugués Joao Nicolau, o brasileiro Kleber Mendonça Filho ou o alemán Hannes Stöhr. Un dos obxectivos da sección Foco Internacional é favorecer experiencias de intercambio e enriquecemento entre cineastas de Galicia e cineastas doutras partes do mundo, a nivel creación e mesmo produción.
Na semana previa do festival, no Centro Cultural do Porriño, poderá verse "Nana", a súa primeira obra, o venres 12 de maio e "Milla", o sábado 13, con entrada gratuita.