Redondela acondiciona o tramo da Senda da Auga ao seu paso polo municipio
Instalaranse sinais de “prohibido circular” nos cruces entre a estrada e a senda
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/7FSQHP4MQZFNNGH7K4UZZAXJYA.jpg?auth=92d0fc021b32f8f63f98aae2a9f5aa1a191e21dc768163e9c784a3ed8332e548&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Senda da Auga - Redondela | Turismo Rías Baixas
![Senda da Auga - Redondela | Turismo Rías Baixas](https://cadenaser.com/resizer/v2/7FSQHP4MQZFNNGH7K4UZZAXJYA.jpg?auth=92d0fc021b32f8f63f98aae2a9f5aa1a191e21dc768163e9c784a3ed8332e548)
O Concello de Redondela acondiciona os tramos da Senda da Auga que pasan polo municipio, unha actuación necesaria ao ser un lugar esquecido dende máis de 20 anos e que se atopa degradado polo paso do tempo e o seu uso. O roteiro percorre 23 km, pasando por un total de 9 parroquias redondelás, e considérase de gran importancia para o ocio da veciñanza e o turismo.
As actuacións consisten no acondicionamento con recheo de fochancas con xabre para nivelar o terreo e a limpieza de cunetas. Así como a instalación de tubaxe e sistemas que non permita a caída da auga dende o monte ao paseo de terra, sobre todo naquelas zonas que tenden a inundarse con maior frecuencia. A primeira actuación xa está en marcha no tramo que pasa por San Esteban de Negros, Vilar de Infesta, Quintela e Reboreda.
“Estamos comezando cos tramos máis danados polas choivas deste ano e continuaremos cubrindo toda a zona, para que a xente poida gozar desta ruta de gran valor natural durante a Semana Santa e o verán”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
En Redondela a Senda da Auga pasa polas parroquias de Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda. Este roteiro ten un gran valor ecolóxico e natural e case non ten pendente, polo que o poden gozar todo tipo de persoas para pasear, andar en bicicleta, correr e tamén persoas con mobilidade reducida.
“Espérase que este verán aumente a afluencia de xente que escolla a senda da auga como actividade saudable e ao aire libre, polo que deixaremos todo listo para o bo tempo. Despois de Semana Santa continuarán as actuacións de acondicionamento en Cedeira, Trasmañó e Chapela para deixar todo completo”, conclúe Rivas.