Sociedad | Actualidad
Homenaxe

O Rosal recoñece a Manuel Armán cun premio por toda unha vida no deporte

Foi durante a celebración do primeiro ‘Encontro co deporte’, un acto co que o Concello puxo en valor o traballo das bases deportivas rosaleiras

Grande acollida da primeira edición do ‘Encontro co deporte’, un acto organizado polo Concello do Rosal co que se buscaba recoñecer o gran traballo das bases deportivas rosaleiras. Ante o amplo público que se deu cita na Praza do Calvario, os deportistas protagonizaron unha charla coloquio dirixida polo xornalista deportivo Terio Carrera na que se puxo en valor o grande esforzo dos clubs e das e dos seus integrantes en diferentes disciplinas.

Durante o encontro a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, agradeceu a participación e apoio de todos os rosaleiros e rosaleiras que participaron no evento, “un acto moi emotivo co que queremos visibilizar e darlle todo o valor que merece ao deporte de base que se está a realizar no Rosal, unha actividade que non para de crecer no noso municipio e que permite aos nosos nenos e nenas e á nosa mocidade achegarse a uns valores moi importantes”.

Nesta primeira edición do ‘Encontro co deporte’ a organización quixo recoñecer o gran labor realizado por Manuel Armán co premio por toda unha vida dedicada ao deporte. “Foi un apaixonado do balonmán, xogador e adestrador do Valinox Novás, e artífice dunha das páxinas máis notables da historia deste deporte en Galicia. E soubo facelo mentres transmitía o seu amor por este deporte non só aos seus fillos e sobriños, senón a toda unha xeración de xogadores e xogadoras”, resalta a rexedora.

Ademais, o público puido desfrutar dunha charla co atleta David Gómez, primeiro deportista rosaleiro en competir nuns xogos olímpicos; coa atleta Eva Piñel, cun amplo palmarés ás súas costas; co xogador de balonmán Javi Díaz, porteiro con máis de 600 partidos na liga Asobal; coa futbolista Sara Álvarez, unha xogadora de presente e de futuro convocada co combinado galego e estatal; e con Serafín Martínez, unha gran figura do ciclismo galego.

O encontro completouse ademais coa entrega de agasallos aos monitores e monitoras da base da Sociedade Atlética do Trega, do Club Ciclista O Rosal, da UD Ribera e do Valinóx Novás, todos eles con escola deportiva no Rosal. Ademais, tamén se fixo unha pequena exhibición de futgolf, unha fusión de fútbol e golf que dalgún xeito tivo as súas orixes no Rosal, así como unha exhibición enriba da bicicleta a cargo do campión brasileiro de Bike Trial Lima.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00