Nigrán estrea tres curtas documentais sobre mulleres con oficios case desaparecidos
A campaneira de Parada, a muiñeira de Camos e a última redeira de Panxón son as protagonistas destas pezas
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/K3YPPCZHKRE47ICVQBQUQGOIKY.jpg?auth=b0795365a34779ad659959d57021337f178ba0abe29c7cd534b0e07f9cd73981&quality=70&width=650&height=650&focal=1344,1843)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/K3YPPCZHKRE47ICVQBQUQGOIKY.jpg?auth=b0795365a34779ad659959d57021337f178ba0abe29c7cd534b0e07f9cd73981)
O Concello de Nigrán continúa traballando para preservar o seu patrimonio etnográfico a través da veciñanza. Esta vez de mans de Esther Nande, campaneira de Parada, de 69 anos, a única da comarca; Rosa ‘de Malde’, muiñeira de Camos en activo, 89 anos e Rosalía González, de 94 anos, a última redeira de Panxón. As tres mulleres, moi recoñecidas nas súas respectivas parroquias por practicar oficios case desaparecidos, protagonizarán sendas curtas documentais de relatos este sábado 25 de Marzo ás 20h00 no Auditorio Municipal de Nigrán.
A entrada é de balde ata completar o aforo e a duración aproximada de cada peza é de 20 minutos. A iniciativa nace vencellada ao Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán, onde serán penduradas a continuación (www.arquivoaudiovisualnigran.org) e foron encargadas a ‘Cris Grande Fotografía e Vídeo’.
“Seguiremos a documentar tradicións, oficios e costumes propias do municipio porque forman parte do noso patrimonio inmaterial e como administración local debemos preservalo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia tamén ao documental ‘A memoria da auga’, estreado a semana pasada en Chandebrito e que narra a actividade muiñeira desta parroquia.
Esther Nande, campaneira de Parada, abrirá a sesión de curtas este sábado. Compre destacar que o ano pasado a UNESCO declarou o toque manual de campás en España como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade e que, precisamente, ela e a única en activo do Val Miñor, comarca na que esta tarefa recaían tradicionalmente nos homes. Pola súa banda, Rosa ‘De Malde’, de 89 anos, é a última muiñeira da parroquia de Camos, onde mantén vivo un dos muíños do río Táboas, situado no futuro parque forestal. O terceiro documental en proxectarse será o de Rosalía González, de 94 anos, pertencente a unha gran familia mariñeira con ancestros que nin coñeceron os barcos a motor e quen representa á última xeración de redeiras de Panxón.